As prazas residenciais do Centro de Maiores de Cesantes entrarán en servizo no 2018

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou hoxe que a parte residencial do Centro de Maiores de Cesantes “entrará en servizo no primeiro semestre do 2018”. Rodríguez fixo estas declaracións durante a visita que realizou ao centro de maiores desta parroquia redondelá, acompañado polo alcalde, Javier Bas e pola concelleira de Benestar Social, Carmen Amoedo.

O controvertido Centro de Maiores de Censantes, no que a Xunta investiu máis de 2 millóns de euros, entrou en servizo en decembro de 2016, logo da sinatura ─o ano pasado─ do convenio de colaboración co Concello de Redondela para a súa xestión e conta na actualidade con 17 usuarios no seu centro de día (13 a xornada completa e 4 a media xornada).

Perfecto Rodríguez mostrouse satisfeito polo bo funcionamento do centro de Cesantes e avanzou que, “a súa parte residencial, situada na primeira planta do edificio, ofertará un total de 24 prazas”. Así mesmo, o xerente do Consorcio lembrou que ese centro “ampliará tamén ata 25 as súas prazas de centro de dia”.

O centro de maiores de Redondela, xestionado polo Consorcio, está situado a poucos metros do porto de Cesantes e dispón dunhas modernas instalacións de máis de 1.500 metros cadrados construídos, repartidos entre soto, planta baixa e primeira planta, nunha parcela que ocupa en total case 3.000 metros cadrados.

O convenio asinado polo Consorcio e o Concello de Redondela para a xestión deste centro axústase ás condicións estipuladas no Acordo Marco subscrito en maio de 2016 pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que establece o cofinanciamento que os concellos deben aboar ao Consorcio, tanto nos centros de día, como nas escolas infantís da rede «A Galiña Azul». Ese Acordo Marco foi aprobado por unanimidade por todos os grupos políticos con representación na FEGAMP.