O PSdeG-Redondela denuncia a non convocatoria da Comisión de Seguemento da AP9

O PSdeG-Redondela lamentou hoxe que o Goberno local leve máis de oito meses sen convocar a Comisión de Seguemento das Obras da AP9, que tivo a súa última xuntanza en febreiro, a pesar de telo solicitado en varias ocasións, a última, o 18 de novembro.

Durenta máis de oito meses, apuntan os socialistas redondeláns, “as obras avanzaron tanto que está preto da súa finalización”. En contraposición o PSOE asegura que a información que, sobre ditas obras, reciben os grupos da oposición e a veciñanza “é practicamente nula por parte do Goberno Municipal”.

Os socialistas cualifican a actitude do executivo redondelán de “escurantista e pouco democrática” e logo de que o Grupo Popular “solicítese a si mesmo unha comparecencia para este pleno de novembro”, afirman que “prefire escoitarse a si mesmo en vez de convocar órganos de participación como a Comisión”.

O PSOE redondelán chama a atención sobre “a falta de información das reunións paralelas do Goberno coa unidade de Fomento en Pontevedra” e aseguran os socialistas que o executivo local prefire esas reunións “co seu propio partido que asistir á manifestación en Chapela pola supresión da peaxe en Rande, a redución da contaminación acústica e a conversión a urbano do tramo dende Vigo ata Torres de Padín”.

Para os socialistas, Goberno local busca “exculpar á Xunta de Galicia” e afastar aos problemas cara o Estado para que a xente “non os responsabilice da falta de xestión”.