Redondela conciencia aos escolares sobre importancia da reciclaxe e a compostaxe

O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela retoma, este mes, unha nova serie de charlas nos centros de ensino, enmarcadas dentro da campaña «Plan de reciclaxe e compostaxe Redondela 2016-2020», que se iniciou o pasado ano con moi boa acollida.

As charlas seran impartidas polo técnico de control ambiental do Concello redondelán e nelas se incide no correcto tratamento dos residuos domiciliarios, coa finalidade de mellorar a súa xestión ambiental e tamén económica. Faise mención especial ao tratamento, en orixe, da materia orgánica que xeramos nos nosos fogares, a través da compostaxe domestica e agora tamén coa compostaxe comunitaria no concello de Redondela.

reciclaxe charlas colexios 02

Este proxecto, o da compostaxe, xunto coa reciclaxe son fundamentais e imprescindibles para alcanzar os obxectivos marcados dende a Unión Europea para unha taxa de reciclado do 50% de cara ao ano 2020.

Dende o Departamento de Medio Ambiente explican que acadar ese obxectivo "só é posible coa colaboración e concienciación da cidadanía, coa súa implicación na correcta clasificación dos residuos ( plástico, vidro, papel, aceite e materia orgánica), co seu posterior depósito nos colectores específicos e tamén coa compostaxe".

Este ano, ademais, o Concello amplia a oferta de charlas con unha nova temática, como é a actual pegada ecolóxica desta sociedade nos diferentes ecosistemas.

O Departamento de Medio Ambiente considera "fundamental" achegar estes temas aos centros de ensino "como a mellor ferramenta e cadea de transmisión para ir mudando hábitos e acadar os obxectivos necesarios para unha concienciación e sensibilización ambiental da mocidade".