O redondelán Manuel Seijas expón no Multiusos da Xunqueira

A concelleira de Cultura, Teresa París, co pintor Manuel Seijas que expón a súa obra no Multiusos da Xunqueira A concelleira de Cultura, Teresa París, co pintor Manuel Seijas que expón a súa obra no Multiusos da Xunqueira

Ata o vindeiro 2 de decembro, a Sala I do Multiusos da Xunqueira acollerá a exposición do pintor redondelán Manuel Seijas. Nado en Redondela en 1947 –no Campo das Redes– e no seo da familia da «Rubinista», alcume da súa avóa, Manuel Seijas Fernández estudou nas escolas de Figueroa e tras varios empregos xubilouse sendo chofer.

Pintor autodidacta, de produción extensa e variada, colleulle as ganas ao pincel vendo como o facían os irmáns Alonso, Xenaro e Manolo, aos que visitaba –sobre todo ao primeiro–, na súa casa con frecuencia e de quen foi tomando algunhas boas formas.

A súa primeira exposición tivo lugar cando contaba tan só 19 anos, e dispúxose nos soportais do actual edificio do Concello de Redondela, compartindo espazos con outros dous coñecidos do pobo, Xesteira e Olgile (Olimpio Giráldez Lera). Repetiu exposición con estes dous artistas novamente 30 anos despois, en locais da Casa da Cultura en Redondela, e agarda poder repetir de novo con eles cando se cumpran novamente outros 30 anos.

Ademais, expuxo as súas obras en varias ocasións máis en Redondela, tando na Casa da Cultura como en ambas salas do multiusos dá Xunqueira, onde hoxe son de novo acollidas.

Os seus cadros de inspiración realista, tanto a oleo como úlitmamente a acuarela, inclúen variadas temáticas e motivos. Así atopamos figurativo, paisaxes, paisaxe urbana, pop art, mariñas, bodegón, naturezas de varios tipos e algún que outro retrato.

Tamén pintou copias de obras famosas, por exemplo a obra titulada «Camiño de Sevres» do autor Jean Baptiste Camille Corot, (Francia 1796), que pasou aos anais da historia tras o seu roubo das salas do museo parisiense do Louvre en 1998 e cuxo valor se estimaba en 200 millóns das antigas pesetas.