AER advierte ao Goberno redondelán que "rematou o tempo de gobernar unilateralmente"

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) acusou ao Goberno de Redondela, ao igual que o fixeran no seu momento os demáis grupos da oposición, de ignorar o ofrecemento que fixeran o propio AER, o PSOE e o BNG, para "aprobar unha modificación de crédito que dorata suficientemente os gastos da Conmemoración da Batalla de Rande, evento organizado polo Concello pero para o que non reservou os fondos precisos", afirman os independentes.

Logo de sinalar que o Goberno local terá que explicarlle á veciñanza "onde gastaron todos e cada un dos 50.000 € da “área de gasto 3331A” dedicados a Meirande", AER afirma que se chega a esta situación logo de que o Goberno de Redondela "decidira, unilateralmente, gobernar sen orzamento. Non presentou proposta algunha de orzamentos para o ano 2017, sabendo que unha das consecuencias sería deixar sen dotación certas partidas; supoñendo que o resolvería con modificacións de crédito: gobernar en minoría como se tivesen maioría absoluta".

Estrañalle a AER que o Goberno local "presuma de non ter orzamento, de ter esgotada unha partida e de non ter cartos para un evento coorganizado por eles mesmos" pero o máis asombroso, sinala a Agrupación de Electores de Redondela, "é que a culpa é da oposición, que non lle deixa xogar nin un minuto máis cos cartos de toda a veciñanza ao seu antollo".

AER deixa clara a súa posición ao sinalar que "non estamos dispostos a permitir que sigan gobernando como unha maioría absoluta".

Dado que a modificación orzamentaria é unha competencia do Pleno, AEr adianta que se queren un acordo "que lles permita arranxar a desfeita que teñen montada o que deben facer é sentarse e adquirir un compromiso sobre temas como criterios para determinar as obras, procedementos para executalas e seleccionar as empresas tanto para obras coma para servizos. E atender aos reiterados requirimentos dos servizos técnicos respecto dos procedementos establecidos para os gastos". E o que AER cualifica como o fin "de gobernar sen criterio e unilateralmente".