O BNG, denuncia o “trato discriminatorio” do Goberno de Redondela coa Batalla de Rande

A Conmemoración da Batalla de Rande leva trazas de converterse precisamente niso, nunha batalla en toda regra, cando menos na política municipal redondelá. Se onte era o Goberno local o que acusaba á oposición de “boicotear” os actos culturais e deportivos bloquedando unha proposta de modificación orzamentaria, hoxe son os nacionalistas os que acusan ao Goberno de Redondela de aplicar “un trato discriminatorio” á Conmemoración da Batalla de Rande.

Segundo o BNG, a proposta de modificar 130.000 €, vía plenaria, para cubrir áreas económicas esgotadas ao longo do ano, “agocha a deficiente xestión dos cartos públicos por parte do goberno municipal de Redondela”.

Os nacionalistas lembran, neste sentido, “o déficit de 40.000 para limpeza de edificios públicos, “unha falla evidente de previsión, dun contrato de limpeza que o propio goberno elaborou e cuantificou”, malia as advertencias da oposición.

Xoán Carlos González, portavoz do BNG no Concello de Redondela, asegura que o “Goberno faltou á súa palabra ao comprometerse a subvencionar a Batalla de Rande xa no mes de xaneiro, gastando os 200.000 euros en festas, partida de onde se debería sufragar esta actividade”.

Todo isto, ao entender do BNG, supón unha “discriminación” co colectivo organizador dunha actividade tan singular, “pois noutros eventos similares, o Concello sufraga os gastos ao aparecer como organizador”.

Remata González advertindo que “existen outras partidas que o Goberno vaise ver obrigado a negociar nas vindeiras semanas” e adianta que esixirán “que se negocie unha por unha, para reconducir unha situación alarmante de malgasto dos cartos públicos”.