O Goberno redondelán acusa á oposición de "boicotear" as actividades culturais e deportivas

O voto en contra dos grupos da oposición na Corporación Municipal de Redondela a fin de repoñer os fondos dispostos para convenios na partida de Cultura, foi cualificado polo Goberno redondelán de "boicot" que impide "a celebración da Batalla de Rande, a Gala do Deporte e actos en torno á figura de Rosalía".

O Goberno de Javier Bas volveu a levar a pleno a transferencia de fondos, que xa presentara o pasado mes, e que consistía en volver a dar crédito a partida de cultura minguada pola firma dos convenios. Ao ter o Concello redondelán orzamentos prorrogados, "os convenios non teñen partida propia polo que, atendendo a criterios exclusivamente técnicos, consumen os cartos da bolsa de vinculación na que se atopa, entre outras, cultura", explica o Goberno local.

Segundo o executivo que preside Javier Bas, o único que se pretendía era repoñer eses cartos dos convenios que ascenden a 135.000 euros para poder continuar coa normal xestión e programación de áreas tan importantes como cultura, deportes, ensino ou normalización lingüística que comparten vinculación orzamentaria.

O Goberno local non dubidou á hora de asegurar que "a oposición, nun intento de paralizar ao Goberno, está a prexudicar aos cidadáns do concello. Prexudican a eses veciños que están implicados na organización da Festa de conmemoración da Batalla de Rande, aos veciños que queren disfrutar dos actos organizados en homenaxe á persoeira do ano Paulina Sánchez ou en eventos deportivos como a Carreira de Nadal ou a celebración da Gala do Deporte...".

O voto en contra prodúcese, segundo o Concello redondelán "pese aos intentos realizados tanto por parte do Goberno como por parte dos veciños de facer razoar a oposición", algo que non fixo efecto xa que PSOE, AER e BNG, vetaron a proposta do Goberno.

O Goberno local aclara que a proposta "contaba con todos os informes técnicos favorables e consistía en traspasar fondos de partidas que non se ían a gastar, cara a partida de cultura de onde se consumiran os 135.000 euros do montante dos Convenios". A proposta alternativa da oposición, segundo o Executivo local, "era irregular e era rexeitada de forma tallante polos servicios técnicos".

Javier Bas asegurou que coa adopción deste tipo de decisións "a oposición demostra que o único que lles interesa é facer política e intentar paralizar ao Goberno pero non se dan conta que a quen realmente están a prexudicar é aos veciños de Redondela".

“Redondela ten que saber que BNG, AER e o PSOE, co seu voto en contra, impediron que en Rande se puidera celebrar este ano a conmemoración da batalla de Rande".

O Goberno de Javier Bas asegura ter demostrado, ao longo dos seus 6 anos de mandato, a súa boa xestión dos recursos públicos, non só, cumprindo ano a ano con todas as exixencias do Ministerio de Facenda senón que tamén conseguiu reducir a débeda bancaria en máis de 6.000.000 de euros·. Bas asegura que non aceptarán "leccións de economía do Sr. Reguera, un concelleiro de facenda que deixóu 2.000.000 de euros de facturas no caixón”.

Volve a aclarar o Goberno local que“non houbo ningún malgasto, hai cartos que sobran noutras partidas, e se pretendía traspasar os sobrantes desas partidas a partida de cultura onde se necesitaban por ter atendido os 135.000 euros dos convenios. Todo isto co respaldo dos servicios técnicos. Por tanto, non é un tema de falta de cartos é un tema de falta de vontade por parte de PSOE, AER e BNG.”