O PSdeG-Redondela alerta sobre a comprometida situación da Conmemoración da Batalla de Rande

O PSdeG-Redondela sinalou hoxe que a falta duns orzamentos por parte do Goberno Municipal pode deixar ao Concello de Redondela nunha situación comprometida e mesmo poñer en risco a Conmemoración da Batalla de Rande que vén realizándose durante os últimos tres anos. Segundo os socialistas, o Goberno local comprometeuse cos organizadores de dito evento a ter o orzamento preciso a principios de xaneiro deste ano.

Os socialistas aseguran que as partidas coa que se asumía dito evento "están esgotadas en parte pola contratación externa dunha persoa para o Museo de Meirande". O PSOE pon en dúbida "a necesidade" desta contratación ao estar contratadas varias persoas para o mesmo edificio con axudas da Deputación de Pontevedra.

En decembro do ano pasado, lembra o PSOE, o Goberno Municipal aprobou os orzamentos de 2016 na Xunta de Goberno Local, a pesar de existir o aviso de que as partidas como a de limpeza "estaban mal debido a que entraría un novo contrato que tería que incluir os novos espazos construídos como as pistas de pádel ou pavillón e consecuentemente, subiría o prezo en relación a outros anos".