Recuperación da historia en Cesantes, coarenta aniversario do «O can e a vara»

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, organiza este domingo día 8 de outubro ás 17:00 no Centro Cultural de Cesantes, unha charla-coloquio con exposición e pezas audiovisuais, do arquivo de Televisión Española, que repasa os acontecementos de 1977 no sector do marisqueo nas rias baixas.

«O can e a vara» repasa os feitos acaecidos en 1977, onde o intento de introdución dunha nova técnica de marisqueo «o can» provocou a confrontación coa tradicional «vara», utilizada dende hai moitas décadas na ría de Vigo e que continúa na actualidade.

Estarán no acto de Cesantes mariscadores da parroquia que coñeceron os feitos de primeira man, así como Tito Ucha e José Durán. Como é costume, a entrada é de balde. A Asociación cultural, continúa así a súa tarefa de investigación, documentación e divulgación da historia local e dos oficios tradicionais na nosa contorna.