O PSOE de Redondela denuncia "falta de información e transparencia" nos trámites do PXOM

Os socialistas de Redondela veñen de denunciar "falta de información e transparencia" no tramitación do PXOM. O PSOE redondelán asegura que ten solicitado por rexistro e nas xuntas de voceiros e comisións de Urbanismo que se lle proporcione "información relativa á redacción do PXOM, e máis tralo retraso acaecido polo cambio da Lei do Solo". Porén, afirman os socialistas, o Goberno local "non proporciona dita información e nega xuntanzas co equipo redactor".

Esa postura, afirma o PSOE, "nega á oposicón a posibilidade de resolver as dúbidas que podan xurdir na redacción do documento". Lamentan os socialistas que mentres por unha banda o Goberno alega "que as xuntanzas solicitadas non se poden realizar ata que o persoal se reincorpore tralas vacacións" paralelamente e sempre segundo os socialistas, "reúnese con empresarios relacionados con diversos proxectos urbanísticos".

Doutra banda o documento urbanístico está a sufrir "atrasos" xa que mentres por parte do Goberno local "avanzáronse varias datas de exposición dos avances na redacción do PXOM e numerosas reunións nas parroquias, ata hoxe non houbo ninguna reunión informativa".

Dende o PSdeG-Redondela só entenden estes atrasos "como un intento de favorecer os instereses de certos sectores da cidadanía" e poñen como exemplo "a legalización do edificio Puntela"edificio que, sinala o PSOE, "ten numerosas ilegalidades como exceso de altura e exceso de volume en todas as súas prantas chegando a dupricar o volume permitido, afeccións por parte da autoestrada do atlántico, AP-9, e o soterramento ilegal do río Maceiras para dar acceso aos sotos".

Os socialistas declaran o Goberno local non ten intención de consensuar o PXOM. Mentres, rematan “o PsdeG-Redondela seguirá a reclamar información e reunións co equipo redactor para coñecer de primeira man e achegar a cidadanía un proxecto tan importante como o PXOM, e non permitirá accións caciquís acudindo a fiscalía se é preciso”.