Redondela busca recuperar a iniciativa emprendedora co proxecto «StartupVila de Redondela»

Redondela presentou hoxe a súa iniciativa StartupVila, coa que pretende impulsar o emprendemento e recuperar a iniciativa industrial e empresarial que, historicamente, caracterizou á vila dos viadutos. A Casa da Cultura foi o lugar elixido para a presentación desta iniciativa dinamizadora coa que intenta darse solucións “aos veciños e veciñas que desexan iniciar un proxecto emprendedor e que, as veces, atópanse cun mar de dificultades sen saber con certeza que pasos dar”, explicaba a concelleira de Desenvolvemento Local e alcaldesa accidental, Carmen Amoedo.

A concelleira de Desenvolvemento Local, que estaba acompañado na presentación de StartupVila de Redondela, por Sonsoles Castiñeiras e Alexandre Bastos, da empresa OnTheBus, salientaba o grande número de persoas de Redondela “con inquedanzas emprendedoras, veciños e veciñas aos que, como Concello, estamos obrigados a darlles as ferramentas precisas para que poidan desenvolver os seus proxectos”.
SmartVila de Redondela trata, segundo explicaba Alexandre Bastos, de devolver ao concello de Redondela, o seu espírito empresarial e xerador de emprego. “Actualmente Redondela ten unha imaxe de municipio residencial e de servizos que non corresponde, en absoluto, coa súa historia”. Nese sentido o proxecto busca demostrar que o municipio “non é subsidiario de ninguén, senón que ten unha vida empresarial propia, vida que dende o concello búscase promover e potenciar”.

As actuacións que se desenvolverán para axudar aos emprendedores a desenvolver empresas de alto rendemento e guialos nos primeiros pasos, puntualizaba Alexandre Bastos, xiran en torno a tres eixos ben definidos: máis emprendedores; máis conectados con outras iniciativas da área metropolitana, Galicia e España, “sería un erro emprender iniciativas aislacionistas” afirmaba Bastos, e, finalmente, que ditas iniciativas conten co contexto máis favorable para traballar “punto que está na man do Concello de Redondela”.

Neste ano 2017, tal e como se sinalaba na presentación do proxecto, estase na fase de plan e proba do proxecto, xa que, explica Alexandre Bastos “non tería moito sentido lanzar grandes actuacións e definir grandes presupostos, sen coñecer primeiro o interese dos emprendedores de Redondela e cantos hai”.

Esta fase de proba do proxecto inclúe unha serie de obradoiros orientados á formación de emprendedores e, nos vindeiros meses de setembro e outubro, desenvolveranse dous novos obradoiros de temáticas de interese para os emprendedores, un de Marketing Dixital, a cargo de Daniel Cerqueiro, cofundador da startup Phottic e outro que, baixo o título «Coñece aos teus clientes» desenvolverá Paloma Barreiro, program manager da aceleradora SeedRocket.

Finalmente, para que emprendedores e emprendedoras rendondeláns poidan ter un contacto directo con exemplos reais de emprendemento, poderán participar nunha reunión cun coñecido emprendedor galego, David Pombar, fundador de SetPay, un encontro “que permitirá coñecer de primeira man as luces e as sombras do emprendemento”, aseguraba Alexandre Bastos.

En suma, concluía a alcaldesa accidental Carmen Amoedo, trátase de desenvolver unha idea manifestada en moitas ocasións polo alcalde de Redondela, Javier Bas, que non é outra que “Redondela sexa unha vila con vida propia”, un municipio, afirmou Amoedo, “na que os emprendedores e emprendedoras teñan o seu espazo”.

Os concellos temos recursos limitados, finalizou a concelleira de Desenvolvemento Local, “pero temos claro que parte deses recursos teñen que destinarse a políticas activas de fomento de emprego”.