A Deputación destina 175.000 euros a Redondela ao abeiro do «Plan Concellos»

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas por valor de preto de 350.000 € para que tres concellos da provincia poidan acometer novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse destas achegas da liña 1 (investimentos) do «Plan Concellos 2017» as vilas de Redondela, Cangas e Marín. Grazas a estes investimentos, estas tres vilas poderán levar a cabo melloras nos seus espazos, infraestruturas e instalacións públicas.

No que corresponde ao concello de Redondela, recibirá un investimento de 173.504,67 euros para levar a cabo obras de ampliación e contención de terras na liña 810 de Adif de Monforte de Lemos á bifurcación de Chapela. Ditas reformas terán lugar en Chapela, Os Valos e Redondela. Ata o momento, Redondela ten aprobado xa o 74,56% do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do “Plan Concellos 2017”, isto é, unha achega valorada en 865.007,68 € dos máis de 1.100.000 euros que lle corresponden neste exercicio.

A Presidenta Carmela Silva subliñou que “coas axudas que aprobamos, que ascenden a 350.000 €, levamos xa distribuídos máis de 20,6 millóns de euros, é dicir, o 80,3% da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 €”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas porque “sen elas, os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, nin tampouco impulsar novos investimentos ou novos proxectos” e lembrou que “esa é a razón de ser desta institución, a de axudar aos pequenos e medianos concellos para que garantan a calidade de vida das súas veciñanzas”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para lembrar que “este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada o ano pasado e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa 32,6 millóns de euros dende xaneiro, é dicir, máis do 79,3% do seu orzamento total”.