AER asegura que non aceptará «chantaxes» do PP redondelán

A Agrupación de Electores de Redondela, AER, vén de replicar ás acusacións formuladas polo Goberno local de Redondela logo de que os independentes rexeitaran, no Pleno, destinar 1,1 millóns de euros de remanente do exercicio pasado, a obras cualificadas polo Goberno redondelán de “esenciais e urxentes, moi demandadas pola veciñanza de Redondela”.

Lamenta AER que o Grupo de Goberno do PP “confunda os intereses e necesidades dos redondeláns, co que eles deciden e pensan” e amosan a súa sorpresa polas afirmación de que o seu voto en contra “responde a interese partidistas” o que, subliñan, “non cabe nunha agrupación de electores como AER” que, afirman, “pouco interese partidista pode ter”.

Os independentes redondeláns queren deixar patente que ao Goberno local “se lle propuxo deixar sobre a mesa a proposta para chegar a un acordo consensuado” propondo AER que se establecese un acordo sobre o uso (no caso de non terse executado as obras propostas) “dos cartos que quedarían a libre disposición do goberno local”. “fronte ao imperativo de aprobar si ou si e XA a súa proposta” explica AER, “propuxemos estudalo e facelo na seguinte semana por consenso” cousa que non puido facerse ao “tirar para adiante” o Grupo de Goberno apoiado polo “estraño sentido da responsabilidade do PSdeG PSOE”.

Non é certo, segundo a Agrupación de Electores de Redondela, “que as obras se teñan que adxudicar nin facer este ano” xa que, apuntan, só teñen que estar aprobadas e na fase de adxudicación (informes técnicos, informes de intervención, resolución de alcaldía, etc.).

AER advirte que non aceptarán “chantaxe de última hora” ou postura do Goberno lcoal que cualifica como “órdagos”. Doutra banda amosan os independentes que a súa disposición a negociar “os proxectos con competencia do Pleno” pero, do mesmo xeito, avisan que non colaborarán nunca “para que unha competencia do pleno pase a ser competencia da alcaldía sen ningún tipo de control”.

¿Estaba AER disposta a incorporar este remanente de crédito? Segundo a Agrupación de Electores de Redondela “si, pero fixando claramente as condicións de adxudicación que se ían desenvolver e os mecanismos de contratación que se establecerían”.