Redondela prepárase para unha fin de semana de animación e unha «Noite de Compras»

O venres 4 de agosto comezará en Redondela unha nova edición do «Festival Internacional de Artistas de Rúa» unha das actividades estivais máis esperadas polo público de todas as idades xunto cun «Entroido de verán» que nestas datas inicia xa a súa conta atrás. O festival, como sinalaba a concelleira de Cultura, Teresa París, coincide coa «Noite de compras» que organiza a Asociación de Empresarios de Redondela e que manterá abertos o comercio redondelán dende as 20 h ata as 24 horas do venres 4 de agosto.

«Artistas de Rúa» comezará a desenvolver o seu programa mañá venres 4 de agosto, ás 12:30 horas, na Alameda de Chapela, coa actuación de «A tropa do Doutor Milagres», compañía que tamén estará en Redondela dende as 20 horas para actuar, de xeito itinerante, no treito comprendido entre a glorieta de Pai Crespo ata o aparcadoiro do Mercado.

Unha hora máis tarde, ás 21 horas e tamén como actuación itinerante, será a quenda de«Juste Kamishibai» que amosará o seu espectáculo entre a Praza de Santiago e a Praza de Lenda.

As 21:45 horas, na Praza da Constitución, a protagonista será a maxia de mans do Mago Richard é, ás 22 horas, na Praza de Ponteareas, actuación de«Los Alcántara».

A programación do venres, 4 de agosto, péchase coa actuación de«Abmiran Quartet» no escenario da Casa da Torre.

O sábado 5 de agosto, o programa do «Festival Internacional de Artistas de Rúa» comezará ás 20:30 horas coa actuación de «Capitán Garfio» na Praza da Constitución para, ás 21 horas seguir con «Mister Estrómboli» en Casto San Pedro.

Pola súa banda, a Praza da Lenda e a rúa Reveriano Soutullo, acollerán a actuación de «O Virabay» ás 21:30 horas. Xa ás 22 horas na Praza de Ponteareas, terá lugar o espectáculo de «Ars Combinatoria. Dulcis Armonía». O XVIII Festival Internacional de Artistas de Rúa, pechará as súas portas co «Espectáculo Pomper», unha actividade para toda a familia que terá lugar no escenario da Casa da Torre.

Noite de Compras
O venres 4 de agosto, amais do amplo programa de actividades que se desenvolven ao abeiro do Festival de Artistas de Rúas, a Asociación de Empresarios de Redondela organiza unha nova «Noite de Compras» na que participarán un total de 43 establecementos comerciais redondeláns que terán abertas as súas portas entre as 20 e as 24 horas do venres.

Esta iniciativa de dinamización comercial, que deu uns froitos máis que importantes en anteriores edicións, permita aos establecementos amosar as súas ofertas «a pé de rúa» mentres que os visitantes e veciñanza poden obter importantes descontos nas compras amais ter a posibilidade de conseguir diversos agasallos.

Será por tanto unha interesante fin de semana en Redondela, na que a animación e o comercio, cando menos o venres, camiñarán da man de cara a ofrecer un atractivo programa e un valor engadido ao que é unha sempre interesante visita á «Vila dos Viadutos».