O Viso traballa arreo na mellora dos seus montes e na prevención de incendios

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, no Concello de Redondela, traballa arreo nos seus montes cun dobre obxectivo claro. Por unha banda mellorar e consolidar a estrutura das masas arboradas do monte veciñal e, por outro e derivada da primeira, prevenir incendios forestais. Os comuneiros subliñan que os traballos a realizar "van dende o mantemento e limpeza de áreas de importante uso recreativo ─como a do monte da Gándara, a Peneda, A Laguiña, A Lomba e proximamente o miradoiro do Monte Outeiro Grande─, ata a realización de limpezas de pequenas parcelas próximas ás núcleos habitados".

Doutra banda a Comunidade de Montes tamén realizaou pequenas intervencións para a eliminación de diferentes manchas de acacias. Parte dos traballos de silvicultura, explican, "contan cunha axuda da Consellería de Medio Rural" aínda que subliñan o feito de que "a meirande parte son realizados con fondos propios da propiedade comunal".

o viso cuidado montes02

Os traballos buscan a rotura na continuidade da vexetación para, explican os comuneiros "minimizar o risco de incendios forestais e, ao mesmo tempo, mellorar o desenvolvemento e consolidación de todo o conxunto da masa arborada".

Os comuneiros do Viso avanzaron que, en breve, acometerán diversas obras de carácter recreativo "dotando ao miradoiro do Outeiro Grande dun maior número de mesas e bancos para que os veciños e veciñas poidan gozar deste espazo de lecer característico polas importantes vistas sobre a Ría de Vigo e a espazo natural da enseada de San Simón".

o viso cuidado montes03

Por último, os comuneiros anunciaron a súa intención de acometer, nos vindeiros meses, "a recuperación parcial da masa arborada do monte Espiño, arrasado polo lume o pasado verán". A zona será repoboada con frondosas nas beiras das pistas e en valgadas para a constitución de devasas naturais, moito máis efectivas, e con piñeiros do país naquelas áreas menos propensas ao desenvolvemento favorable de frondosas autóctonas". Para elo veñen de solicitar axuda a través da liña de de forestación de terras non agrarias da Consellería de Medio Rural.