Xunta e Concello asinan un convenio para a posta en valor do río Maceiras

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez e o alcalde de Redondela, na Casa do Concello redondelá onde asinaron o convenio de colaboración A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez e o alcalde de Redondela, na Casa do Concello redondelá onde asinaron o convenio de colaboración

O convenio asinado hoxe entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Redondela, implica a realización dun conxunto de actuacións concretas para a mellora do treito comprendido entre Fortóns e Ameal, no lugar de Vilavella cunha senda de 535 metros, que dará continuidade á existente. Estas obras, que suporán unha mellora integral da zona, teñen un prazo de execución de tres meses estarán rematadas este mesmo ano.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou esta mañá xunto co alcalde de Redondela, Javier Bas, un convenio para a posta en valor e recuperación ambiental do contorno do río Maceiras, que implica un investimento por parte do departamento autonómico de 40.000 euros. Segundo explicou a conselleira, este compromiso enmárcase na aposta do Goberno galego pola mellora e a conservación dos ecosistemas fluviais galegos e suporá unha mellora integral da zona.

Vázquez destacou que coa consecución destes traballos darase cumprimento ao tripo obxectivo de acadar a recuperación ambiental do contorno do río Maceiras, na actualidade degradado pola acumulación de residuos e pola presión urbanística; crear un espazo público de lecer para veciños e visitantes; e mellorar a mobilidade dos veciños desta zona de Redondela ao facilitarlles o acceso ao núcleo urbano. A conselleira explicou, sobre este aspecto, que a senda do río Maceiras favorecerá os desprazamentos a pé e redundará en maior seguridade para os peóns.

A sinatura do convenio implica a realización dun conxunto de actuacións concretas para a posta en valor do treito comprendido entre Fortóns e Ameal, no lugar de Vilavella, onde se construirá unha senda peonil ao carón do río Maceiras de 535 metros, que dará continuidade á xa existente. Estas actuacións teñen un prazo de execución de tres meses e estarán rematadas neste mesmo ano.

En concreto, segundo recolle o convenio, levaranse a cabo traballos de limpeza, de roza selectiva, de retirada de lixo e de materiais vexetais inertes (troncos, pólas caídas ou terra acumulada) tanto nas beiras do río como no leito fluvial. A finalidade destes traballos é favorecer o tránsito peonil e o fluír natural das augas.

Nova ponte e paneis informativos
O acordo asinado hoxe implica tamén a execución dunha ponte de 6,5 metros, a construción de muros de contención naqueles puntos nos que sexa necesario e a colocación de tubos de drenaxe que facilitarán a evacuación da auga.

Ademais, está previsto a instalación de paneis informativos co obxectivo de dar a coñecer os valores naturais e ecolóxicos que posúe este espazo, co obxectivo de acadar que esta sexa unha área de aproveitamento e lecer para veciños e turistas.