Redondela ensina aos máis pequenos a importancia dos produtos do mar

Detale do cartel anunciador da campaña "O sabor da aventura está no mar" Detale do cartel anunciador da campaña "O sabor da aventura está no mar"

Baixo o nome de “O sabor da aventura está no mar”, o Concello de Redondela desenvolverá un obradoiro sobre a importancia dos produtos do mar na dieta, a través dunha iniciativa promovida pola Consellería do Medio Rural e do Mar. A inscrición para participar, totalmente gratuíta, xa está aberta no teléfono 986 40 15 61 de 09:00 horas a 14:00 horas.

“O sabor da aventura está no mar” está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos e se desenvolverá en horario de 11:00 horas a 12:00 horas en Redondela, no Multiúsos da Xunqueira o día 2 de setembro e no Multiúsos de Chapela, no mesmo horario, o día 7 de setembro.

Amáis de dar a coñecer a importancia que na nosa dieta teñen os produtos do mar en relación coas achegas nutritivas e fomentar o seu consumo, o programa “O sabor da aventura está no mar” busca un segundo obxectivo non menos importante, que é a do coñecemento das especies que viven nos nosos mares e o papel que temos as persoas consumidoras á hora de preservar os recursos do mar. Doutra banda, tamén aprenderán a coñecer a importancia que teñen as profesións que están vinculadas ao medio mariño.

As actividades que se desenvolvan están ligadas ao programa “Aliméntate ben” incluído no Plan Proxecta que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O obradoiro “O sabor da aventura está no mar” ten unha duración aproximada dunha hora. O seu variado contido busca que ao mesmo tempo que didáctica, sexa unha actividade entretida para os participantes. Así, os primeiros vinte minutos estarán ocupados por unha obra teatral para, deseguido e durante os trinta minutos seguintes, desenvolver actividades lúdico educativas e, finalmente, os dez minutos restantes destinaranse ao reparto de agasallos de entrega de diplomas.