O PSdeG Redondela denuncia a falta de material dos socorristas no municipio

O PSdeG-Redondela vén de denunciar que o Concello incumpre coa inspección da bandeira azul que amosou a necesidade de silbatos, prismáticos, coordinador de socorristas e arranxo da torre de vixianza. Os socialistas redondeláns aseguran que a falta de material dos socorristas é bastante evidente.

Segundo o PSOE redondelán aos socorristas que entraron novos este ano, “deronlle só un bañador e unha camiseta”, mentres que os que viñan traballando na praia dende anos anteriores, explican, “teñen que facer remendo do uniforme de anos anteriores que non se atopan nas condicións óptimas”.

O máis preocupante, segundo o PSdeG-Redondela “é que hai outras ferramentas de traballo, que inciden directamente na seguridade e que tampouco reunen condicións” Así enumeran que “os prismáticos, un elemento tan imprescindible e que garante a seguridade da praia, son insuficientes e están estropeados”. O único lugar onde teñen prismáticos “é na torre de vixilancia e teñen as lentes mal. No posto de vixilancia ao carón do paseo, nin dispoñen de tal útil de traballo”.

A lista de desperfectos, segundo os socialistas redondeláns é longa e poñen como exemplos que “a escaleira da torre de vixilancia da Praia de Cesantes está rota e a caseta de socorristas da Praia de Arealonga ten goteiras pola falta de mantemento durante todo o ano”.

O que o PSdeG-Redondela cualifica de “deixadez dos populares en materia de seguridade nas praias” afecta tamén a elementos tan básicos como as lanchas de salvamento que teñen unha evidente “falta de conservación e funcionamento ao estar gardadas durante todo o inverno e no período do verán, cando son sacadas ao mar, dan numerosos problemas”.

Lembra o grupo municipal socialista de Redondela que a Praia de Cesantes “posúe bandeira azul con reparos ante as carencias de material dos socorristas”. Ditas advertencias, afirman, “quedaron patentes ante a inspección do organismo que outorga a bandeira azul fai unha semana” ao facerlle constar ao Concello que tiñan que dotar aos socorristas “de silbatos, prismáticos e arranxar a torre de vixilancia pola perigosidade constante que presenta para os traballadores”.

“Non podemos tolerar a falta de material para o bo desenvolvemento das tarefas dos socorristas e o perigo constante que isto conleva para eles e para todas as persoas de Redondela que acoden a diario a praia” declara a voceira socialista Ana Isabel Rey “pedimos ao goberno local popular que cumpra coas promesas que acadaron cando recibiron a inspección da praia”.