‘A palabra negada’ enche de público a Casa da Cultura de Redondela

De esquerda a dereita, Carolina Sertal Souto, Digna Rivas e Isabel Blanco De esquerda a dereita, Carolina Sertal Souto, Digna Rivas e Isabel Blanco

Unha Casa da Cultura de Redondela ateigada de público acolleu, ás 20 horas do xoves 14 de marzo, o acto que, baixo o título ‘A palabra negada’, buscaba poñer en valor o papel da muller no mundo da cultura e, mais concretamente, na historia da literatura. A charla, que foi presentada pola candidata á alcaldía de Redondela polo PSdeG-PSOE, Digna Rivas, participaron a escritora Isabel Blanco e a gañadora do primeiro de poesía nos ‘Premios Provinciais á Xuventude’, Carolina Sertal Souto.

Na súa intervención, Digna Rivas, salientou o feito de que, ao longo da historia a “invisibilidade da muller fomentada por unha cultura patriarcal” impediu que a figura feminina “fose asociada ao de muller creadora, artista, escritora, escultora, pintora ou compositora” ou o que é o mesmo, matizaba Digna Rivas “a muller protagonista e líder nos diferentes eidos culturais”.

Se a desigualdade na sociedade actual é un feito “aínda é máis notoria no mundo da cultura no que, nalgúns eidos, acada a proporción do 90 % de homes fronte ao 10 % de mulleres”.

a palabra negada02

“A presenza hoxe, neste acto, da poeta redondelá Carolina Sertal, é a mostra evidente que hai unha xeración nova, con talento e que merece ter o lugar que lle corresponde no mundo da cultura”. Rivas remataba a súa presentación asegurando que só con iniciativas coma esta “poderemos impulsar a igualdade real e construír unha sociedade máis decente, xusta e democrática”.

Pola súa banda, Isabel Blanco salientaba o feito de que o acto que se estaba a desenvolver era “dar un paso adiante á hora de poñer no seu lugar ás figuras femininas do pasado, rematando coa súa invisibilidade histórica e, ao mesmo tempo, poñer en valor as figuras que a día de hoxe brillan na literatura, a música, o audiovisual, o teatro, o xornalismo...”.

O público tivo a oportunidade de participar activamente nesta iniciativa e dar lectura a unha serie de poemas que lles foron entregados ao comezo do acto.