Carlos López Font e Digna Rivas supervisan a reposición de Servizos na rúa Cubillón

De esquerda a dereita, María José Barciela, concelleira de Vías e Obras do Concello de Redondela, Digna Rivas e Carlos López Font De esquerda a dereita, María José Barciela, concelleira de Vías e Obras do Concello de Redondela, Digna Rivas e Carlos López Font

O deputado provincial, Carlos López Font, e a deputada Digna Rivas visitaron esta mañá en Redondela as obras de reposición de servizos na contorna da Rúa Cubillón, en Chapela, actuacións que se executaron coas achegas do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Na visita participou tamén o alcalde de Redondela, Javier Bas, así como varias concelleiras e concelleiros municipais.

As actuacións contaron cun investimento do 248.202,75 euros e consistiron na renovación das redes de servizos, abastecemento, saneamento e pluviais, así como a canalización de alumeados. As rúas afectadas foron Camiño Real de Angorén, Cubillón, José Fernández López, Manuel Rodríguez Casal, Laredo e González Morant.

O deputado de Cooperación, Carlos Font, explicou que estas obras poñen de manifesto que “a coordinación entre administracións, neste caso concello e Deputación, o que fai é mellorar a calidade de vida de veciñas e veciños”. Resaltou a importancia que este goberno provincial lle dá á autonomía municipal, deixando que sexan os municipios os que decidan en que invisten as achegas dispoñibles, “neste caso de Chapela apostando polo saneamento e o abastecemento, uns servizos tan básicos e esenciais para a veciñanza”.

DignaRivas CarlosLopezFont JavierBas

As actuacións hoxe visitadas consistiron na mellora e renovación das redes de servizos, abastecemento e saneamento no Cubillón e rúas adxacentes. Máis polo miúdo, en Camiño Real de Angorén, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, substituíndo a rede existente e canalizando o soporte para a rede de alumeado. Nas rúas Cubillón, José Fernández López e Manuel Rodríguez Casal, tamén se renovaron as redes de pluviais, saneamento e abastecemento con nova tubaxe, ao tempo que se substituíron as existentes de fibrocemento. Nas rúas Laredo e González Morant, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, cambiando tamén a actual de fibrocemento. Dispuxéronse ademais chaves de corte e demais elementos de válvulas, renovando os existentes, e repoñendo as acometidas. Todos os traballos incluíron a reposición de firmes sobre os que se actuou.

A través do vixente Plan Concellos 2019, o goberno de Carmela Silva pon a disposición de Redondela un total de 1.214.956,77 euros, o que supón un 3,62% máis que en 2018. Amais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 832.683,70 euros, o concello de Redondela tamén ten á súa disposición 110.859,19 euros na Liña 2 de amortizacións, débedas e actividades. Así mesmo, conta con outros 271.413,88 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 23 traballadoras e traballadores para o concello redondelán.

Preto de 6,2 millóns de euros investidos en Redondela
O goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido no concello de Redondela preto de 6,2 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Nesta lexislatura, só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Redondela puido financiar un total de 28 actuacións por un importe de máis de 2,2 millóns de euros. En canto á liña 3 de Emprego do Plan Concellos, neste mandato a Deputación financiou a contratación de 99 traballadoras e traballadores municipais.