'Sinha PACA' lamenta que o PP convirta o Pleno de Redondela nun 'reality show'

A Plataforma de Activistas Culturais e Artistas de Redondela, 'Sinha PACA' vén de facer pública un comunicado de prensa no que lamentan a "maldade, faltadas e malaeducación" amosada pola concelleira do PP, Carmen Amoedo, ao tratar a moción presentada pola plataforma que buscaba chegar a un punto de encontro dende o que reconducir a política cultural de Redondela. Segundo 'Sinha PACA' "o ton exaltado, bronco e marrulleiro que empregou Amoedo é un impedimento para a comunicación entre persoas".

A plataforma lamenta que a concelleira foira a elixida polo PP para expoñer os motivos cos que o seu partido votaba en contra da moción feita por 'Sinha PACA', polo movemento cultural de Redondela, mentre, sinala o comunicado, "o alcalde e a concelleira de Cultura mataban o tempo cos seus teléfonos móbiles".

Desgrazadamente a concelleira popular –afirma a Plataforma– "rebaixou o pleno do Concello, espazo que debería ser un espello e unha vangarda dos valores democráticos, a unha especie de Reality Show onde o importante é eliminar ao contrario sen importar a dignidade coa que se fai". Aseguran os asinantes da moción que a concelleira do PP "comezou por provocar persoalmente as outras persoas que falaron cada quen polo seu respectivo grupo político, elevando o seu ton ao de riña de sarxento cun enfado visceral. Sen rebater ningunha das medidas que propoñía a moción, limitouse a desvalorizar a xestión da dimitida equipa do Redondela en Curto e a negar o valor cultural dos festivais desaparecidos".

Dende 'Sinha PACA' esperaban un ofrecemento por parte do alcalde para falar, "para corrixir calquera malentendido" polo que "a súa indeferenza prodúcenos verdadeira tristeza e rabia". "Amoedo –subliña a Plataforma– deixou claro "o enfrontamento do goberno de Javier Bas coas iniciativas culturais que non xurdan dos despachos que gobernan e que sexan xestionadas por empresas privadas especialistas, e a eliminación de toda iniciativa cultural feita dende unha base asociativa, voluntaria, sen ánimo de lucro e que pretenda cubrir as necesidades e inquedanzas culturais propias dunha cidadanía democrática, e polo tanto diversa e activa. Mais aquí seguimos a cidadanía activa de Redondela, disposta a defender a Cultura no noso Concello".