O luns, 7 de xaneiro, concentración mensual contra a violencia machista en Redondela

A Concellaría de Muller e Igualdade do Concello de Redondela, que dirixe Teresa París, vén lembrar que o vindeiro luns, 7 de xaneiro ás 19:30 horas, terá lugar a concentración que, todos os meses, o Concello redondelán organiza como recordatorio permanente na loita contra a violencia machista e invita a toda a veciñanza a secundar esta manifestación de rexeitamento contra a violencia de xénero.

Esta iniciativa, ideada e consensuada polo Consello Municipal da Muller no que participan colectivos de mulleres redondelás, partidos políticos e sindicatos, ten como obxectivo aumentar a visibilidade deste tipo de violencia e tamén sensibilizar á poboación sobre que a eliminación destas condutas violentas contra a muller, depende de todas e todos. Tamén se quere mostrar a repulsa da cidadanía redondelá cara a violencia de xénero e o seu apoio a todas as persoas vítimas desta lacra social.

O acto, que se desenvolverá o vindeiro luns 7 de xaneiro na praza do Concello ás 19:30 horas, incluirá ademais da propia concentración a lectura dun texto que será colleita, neste mes, do Centro cultural de Cabeiro. E como símbolo se gardará un minuto de silencio e se procederá a colocación dunha lona en contra da violencia de xénero no balcón do Concello dende primeiras horas do día.

O Concello de Redondela e os membros do Consello Municipal da Muller convidan á cidadanía redondelá a participar cada mes nesta concentración mostrando así o seu rexeitamento contra a violencia de xénero e calquera outra forma de violencia e a súa concienciación da loita contra esta lacra social. Para máis información interesadas e intresados poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) na rúa Isidoro Queimaliños, 2, ou chamando ao 986 40 80 43.