Máis de 300 persoas súmanse á lectura radiofónica de Verne

Alumnos e alumnas do CEIP de Reboreda na súa participación na lectura de Verne Alumnos e alumnas do CEIP de Reboreda na súa participación na lectura de Verne

Colexios, institutos, políticos, xentes da cultura e veciños en xeral participan desta iniciativa promovida polas Bibliotecas municipais e a Radio Local coa que se busca conmemorar os 150 anos da 'chegada' do Nautilus a enseada de San Simón. En total máis de 15 horas de radio que se emitirán os luns 24 e 31 de decembro en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 15:30 h a 20:00h horas e que permitirán aos oíntes achegarse dun xeito diferente a un texto de referencia nas novelas de aventuras, a novela 'Vinte mil leguas baixo dos mares' de Jules Verne.

redondela verne eei ventosela

Os e as peques do EEI Ventosela

Nas últimas semanas foron ducias de persoas as que se foron achegando aos estudios da Radio Municipal de Redondela para participar desta iniciativa que busca conmemorar a chegada do Nautilus á Enseada de San Simón. A iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades que as Bibliotecas Municipais están a desenvolver co gallo do seu 50 aniversario, busca dar a coñecer a obra de Jules Verne centrándose nun dos seus textos máis vinculados coa nosa vila. De feito, un dos capítulos de referencia deste 'Vinte mil leguas baixo dos mares' recolle a viaxe que traería ao famoso submarino Nautilus a mando do capitán Nemo ata a enseada de San Simón.

redondela verne editorial IrIndo

Editorial Ir Indo

Desde a Radio e as Bibliotecas, agradecen a implicación veciñal nesta iniciativa xa que dende o primeiro momento foron numerosísimos os veciños que se achegaron aos estudios da emisora a gravar coas súas voces un fragmento deste libro. Unha colaboración que chegou tamén dende os colexios coas voces de nenos e nenas da Unitaria de Ventosela, do CEIP de Reboreda, do CEIP de Cedeira así como os estudantes dos Institutos de Chapela, Floriani, Illa de San Simón e Mendiño. Así mesmo destacar tamén a participación da editorial Ir Indo que ademáis de autorizar o uso da súa obra para esta actividade tamén participou na lectura.

redondela verne javier bas

O alcalde de Redondela, Javier Bas, puxo tamén a voz na lectura do libro de Verne

A participación veciñal foi tal que se logrou gravar a totalidade do libro. 472 páxinas que se traducen en máis de quince horas de gravación que se poderán escoitar os días 24 e 31 de decembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00 horas na Radio Municipal de Redondela no 94.9.

Ademais de render homenaxe ao escritor e festexar a 'visita' do submarino ao Redondela, as Bibliotecas e a Radio Municipal consideran que se ten logrado "todo un récord con esta iniciativa ao tratarse da lectura radiofónica máis longa feita dunha obra destas características".

Os audios tamén se atoparán dispoñibles na plataforma iVoox .