O Obradoiro de Emprego de Redondela inicia o mantemento do Paseo da Portela

Esta semana os alumnos do Obradoiro de Emprego Xoven do Concello de Redondela comezaron os traballos de carpintería e vernizado no Paseo da Portela. Unha vez realizadas as horas de formación teóricas comezaron a impartirse parte das 720 horas prácticas que inclúe este obradoiro, do que forman parte 16 alumnos dos cales 8 se forman na especialidade de carpintería e vernizado e 8 en deseño gráfico.

Os traballos que se realizarán neste paseo consitirán no arranxo dos desperfectos e o tratamento e vernizado de toda a madeira do paseo peonil. Durante estes anos neste paseo realizáronse diferentes traballos de mantemento como a substitución de pezas en distintos tramos do mesmo que se viron deterioradas polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas que nesta zona costeira afectan ainda mais.

Neste caso os traballos que realizarán os alumnos do obradoiro de emprego trátase dunha actuación integral xa que además da substitución de pezas deterioradas aplicarase un tratamento fungicida e tres capas de verniz para o súa mellor conservación.

Gran parte do traballo destes alumnos concentrarase neste paseo ainda que tamén realizarán traballos noutras zonas de Redondela. A duración do obradoiro é de 6 meses polo que rematará o 27 de marzo e neste tempo impartiranse as 240 horas teóricas de formación e as 720 horas de formación práctica.