Digna Rivas anuncia unha nova achega da Deputación de 180.000 euros para Redondela

A deputada provincial, Digna Rivas, confirmou hoxe que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe unha importante achega á Redondela de 181.024,25 euros coa que ademais, a vila pecha o Plan Concellos deste ano 2018. Trátase dun investimento destinado a financiar a reparación e mellora do Centro de Deportes Acuáticos de Chapela e que resolverá os problemas funcionais e de salubridade que ten o edificio, principalmente na cuberta e nos locais que alberga e que usan diferentes entidades da vila.

Así, procederase a reparar as filtracións que se provocan a través da cuberta da piscina; reparar o forxado da zona de vestiarios e duchas do Club de Remo, así como do muro traseiro do despacho desta mesma entidade, onde tamén se producen filtracións de auga; e a reparación de humidades que se atopan en diferentes puntos da instalación. En palabras da deputada Rivas, “estas obras permitirán mellor a calidade das instalacións e das prácticas deportivas que nelas desenvolven as veciñas e veciños de Redondela”.

Con este último investimento, o goberno de Carmela Silva pecha os investimentos que solicitou o Concello de Redondela neste ano 2018. Anteriormente a Deputación xa financiou outras axudas para o subministro de caucho para a mellora das condicións funcionais do céspede artificial de dous campos de fútbol; equipamento deportivo para a pista deportiva da alameda de Redondela; acondicionamento e mellora do camiño da Granxa de Vilar (Vilar), o camiño da Barronca (Cesantes) e camiño da Cabadiña (Cedeira); reordenamento do aparcadoiro anexo á alameda de Chapela; ou o subministro solicitado polo goberno municipal dun piano de cola para o edificio multiusos da Xunqueira.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 111.669,37 euros a gastos correntes do concello relacionados coa enerxía eléctrica e o servizo de xestión tributaria. En canto á Liña 3 de emprego, o goberno provincial destinou a Redondela 227.128,81 euros para financiar a contratación de 20 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.

A Deputación destinou este ano a Redondela, a través do Plan Concellos, un total de 2.005.212,11 euros, un 72,85 % máis que en 2017.