Digna Rivas imponse nas primarias do PSdeG-Redondela

Digna Rivas no momento de depositar o seu voto nas primarias do PSOE redondelán Digna Rivas no momento de depositar o seu voto nas primarias do PSOE redondelán

Digna Rivas impúxose onte domingo no proceso de primarias que o PSdeG-Redondela celebraba para elixir a persoa que terá a responsabilidade de encabezar a lista socialista na vindeira cita electoral de maio do 2019. As primarias redondelás foron secundadas case que masivamente pola maioría da militancia cunha participación que superou o 89%. Rematado o escrutinio, Digna Rivas acadaba un total de 50 votos, dos 94 emitidos, fronte aos 40 da súa compañeira de partido Olga Rodríguez, e catro votos en blanco.

Rivas aseguraba que, con este proceso, dábase o primeiro paso para "recuperar a Redondela que queremos todos e todas" e expresaba o seu agradecemento ás e os militantes "pola mostra de fortaleza e convencemento democrático que hoxe demos as e os socialistas redondeláns coa celebración destas primarias".

Digna Rivas animou a todos e todas "a traballar unidos para facer que Redondela volva a ser un municipio exemplo de desenvolvemento económico e proxección social e cultural" e sacalo, afirmaba, “da parálise que provocaron 8 anos de gobernos do PP”.

Fortalecemento do Partido
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, aseguraba que este tipo de procesos "fortalecen ao partido" e chamou a unidade ao sinalar que "agora é tempo de poñerse a traballar todos xuntos para que o próximo mes de maio, o PSdeG sexa a primeira forza na provincia de Pontevedra".

"Temos as mellores candidatas e canditatos", afirmaba con rotundidade Regades —en referencia a Digna Rivas e Manuel Pazos que onte tamén impoñíase nas primarias de Marín—, "para que as políticas socialistas que fixeron medrar a estes dous concellos volvan. Marín e Rdondela están de novo na senda do progreso".

"As e os socialistas escoitamos á militancia —subliñaba David Regades— agora é o momento de escoitar á veciñanza e poñernos a traballar para eles e con eles para que nestas dúas vilas e nas de toda a provincia, o PSdeG poida gobernar e mellorar as súas vidas".