Redondela conmemora o «Día da Biblioteca» cunha charla-coloquio sobre Jella Lepman

Teresa Zataraín (a esquerda) con Cristina Rivas, secretaria da Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela Teresa Zataraín (a esquerda) con Cristina Rivas, secretaria da Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela

A Casa da Cultura de Redondela acolleu este venres un acto conmemorativo do Día da Biblioteca centrado na figura da escritora e xornalista alemá Jella Lepman, unha muller que organizou o primeiro evento internacional despois da Segunda Guerra Mundial en Alemaña: unha exposición internacional de libros infantís que foi a orixe da maior biblioteca do mundo en materia de literatura infantil e xuvenil, a Biblioteca Xuvenil Internacional situada no Palacio Blutenburg, nos arredores de Múnic.

O acto, organizado polas Bibliotecas de Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das mesmas, estivo conducido por Teresa Zataraín xornalista e editora da viguesa editorial Creotz que conseguiu no 2017 os dereitos de publicación da autobiografía de Lepman, Un puente de libros infantiles.

TeresaZatarain

Teresa Zatarín que acaba de regresar, convidada polo Instituto Goethe, da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, cativou aos asistentes coa semblanza desta descoñecida autora alemá sen cuxa labor é imposible comprender o panorama editorial actual.

O acto comezou cunha emocionante referencia á destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito dos Balcáns. O incendio destruíu centenares de miles de libros e numerosos incunables. Varios miles de volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio, cando os empregados da biblioteca, arriscando as súas vidas, comezaron a arroxar libros e documentos polas xanelas. Para evitar que esta dolorosa historia fose esquecida, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil propuxo celebrar o Día da Biblioteca.