Nova achega do Plan Concellos para a pista deportiva da alameda de Redondela

A deputada provincial Digna Rivas informou hoxe que o goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento destinado a Redondela ao abeiro do Plan Concellos. Trátase dunha axuda de 3.341,11 euros para financiar a subministración de equipamento deportivo para a pista deportiva da alameda da vila. O goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio.

En concreto, 464.770,58 euros na liña 1 destinados a financiar o subministro de caucho para a mellora das condicións funcionais do céspede artificial de dous campos de fútbol 11, a reordenación do aparcadoiro anexo á alameda de Chapela, a subministración dun piano de cola para o edificio multiusos da Xunqueira, o subministro de dúas cortinas verticais para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, a subministración dun palco modular para a celebración de distintos eventos na parroquia de Chapela, o saneamento no camiño Mouriño, Paparoxo e Subida Rabexa (Chapela), o subministro de megafonía para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, pavillón municipal de Redondela e pavillón de Chapela, tamén para o acondicionamento e mellora da rúa Campo das Redes e rúa do Hospital, e para a renovación das redes de saneamento e abastecemento na rúa Patrimonio (Chapela) .

No que corresponde á liña 2, a Deputación adxudicou 111.669,37 € para financiar dous gastos correntes novos: enerxía eléctrica e servizo de xestión tributaria. E tamén, outros 227.128,81 € foron destinados á financiación da contratación de 20 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego do Plan de Concellos 2018.

A Deputación destina este ano a Redondela, ao través do Plan Concellos, un total de 2.005.212,11 euros, un 72,85 % máis que no exercicio anterior.