Javier Bas cualifica de "decepcionante" a visita do ministro de Fomento

O alcalde de Redondela, o popular Javier Bas, cualificou hoxe como "decepcionante" a visita realizada polo ministro de fomento xa que, asegura o rexedor local redondelán "seguimos coa mesma falta de información e concreción que nos atopábamos antes da súa chegada". Para Bas "é inexplicable que transcorridos 4 meses dende o seu nomeamento" non dea resposta a cal será a data de inicio das obras complementarias comprometidas por Fomento en Chapela e Trasmañó tras a ampliación da AP9, "nin concretara a data de retirada do peaxe inxusto de Rande".

Asegura Bas estar "indignado" polo que considera "falta de sensibilidade do ministro cos veciños de Chapela e Trasmañó que sufriron as obras de ampliación da AP9 sen obter beneficio algún". Estas demandas, que incluían a colocación de pantallas contra o ruído e a mellora do entorno das obras de ampliación, "foron comprometidas por Fomento e a día de hoxe non teñen data de inicio".

Lamenta o alcalde de Redondela que deixe "sen data" a supresión do peaxe inxusto de Rande cando existía un compromiso de ser retirado en xullo deste ano. Non se corta Javier Bas ao sinalar que o amosado reflicte a realidade do Goberno "insensible" ante unhas demandas "mais que xustas feitas polos veciñas e veciños de Chapela e Trasmañó e que sempre foron respaldadas polo Concello de Redondela e a Xunta de Galicia".

O Goberno municipal, tal e como xa anunciou, convocou aos axentes sociais de Chapela, Trasmañó e Cedeira a unha xuntanza o próximo luns 8 de Outubro as 20 horas no Multiusos de Chapela para informar da situación actual e determinar as accións a levar a cabo "ante esta inxustiza contra a veciñanza".