O Goberno de Redondela acusa a AER de "intoxicar con información falsa á cidadanía"

O Goberno local de Redondela asegura amosarse "sorprendido" polas declaracións realizada por AER (Agrupación de Electores de Redondela) con respecto ás obras solicitadas ao abeiro do Plan Concellos. AER aseguraba que ditas obras "xa estaban incluidas no remanente do 2016" e foran aprobadas en pleno (a pesar do seu voto en contra) en xullo do 2017.

O Goberno da por sentado que AER "ten xa un mínimo de coñecemento dos procedementos por parte de AER que xa leva case oito anos na Corporación" polo que as declaracións realizadas só se poden achacar "a unha manipulación mais como as que nos teñen acostumados", afirma o executivo que preside Javier Bas.

O remanente do 2016 ─explica o Goberno de Redondela─ aprobouse "pero eles saben que sempre se inclúen obras de mais para aproveitar as baixas que xurdan nas contratacións". Neste listado de obras aprobadas atopábase a urbanización da finca da Ginaria "obra prioritaria xa que tiña que facerse paralelamente coa construcción do novo colexio de Igrexa como así se está a facer neste momento". Non podíamos, continúa o executivo redondelán "despois da loita que deu o alcalde de Redondela obter un novo colexio e non urbanizar o acceso o que imposibilitaría a súa construcción. Cando se aprobaron as obras e se redactou o proxecto esta obra de urbanización consumiu a maior parte dos cartos dispoñibles para inversión como remanente, polo que estas obras tan necesarias que AER detalla tivéronse que incluir na seguinte partida de cartos dispoñible que coincidiu co Plan Concellos 2018 e das que nos atopamos esperando as resolucións dende fai seis meses".

Para o Goberno local de Redondela queda claro que "AER somentes trata de intoxicar e manipular unha información que é clara e é coñecida por eles xa que teñen acceso aos expedientes". Nese sentido, aclara o Concello, "os asfaltados e Campo das Redes, San Pote, Arango, Barronca, Cabadiña, Granxa... faranse en canto dispoñamos da resolución xa que consideramos que se trata dunhas obras urxentes xa que se intentaron realizar co remanente aprobado no 2017 e resultou imposible xa que a partida esgotouse coa urbanizacion A Ginaria xa que o importe do proxecto ascendía a 865.000 euros".