«Redondela 0,0», campaña de concienciación xuvenil aproveitando o Entroido de Verán

O Concello de Redondela vén de poñer en marcha a súa nova campaña de concienciación xuvenil, aproveitando á celebración do Entroido de Verán, pero que se alongará durante todo o ano. Baixo o lema Redondela 0,0 ─cero machismo, cero vandalismo, cero botellon, cero drogas─ traslada unha mensaxe moi directa que procura chamar a atención de xeito eficaz a toda a mocidade redondelá.

Para isto, optouse por unha liña creativa rechamante que incite a divertirse sen agresións, sen pelexas, sen alcol e sen drogas; respectando a contorna e a cidade. A campaña está formada por oito orixinais con oito mensaxes diferentes. En cada un deles, o público mirará claramente que se trata dunha campaña visual, perspicaz e de ton desenfadado; onde o texto ten un papel protagónico e úsase unha xerga xuvenil, ademais dunha estética viral.

O obxectivo principal é conectar co colectivo máis novo para erradicar todas aquelas condutas que prexudican gravemente a Redondela, á contorna e aos habitantes. «Redondela 0,0» lánzase así en plena conta atrás para o Entroido de Verán 2018, co propósito de poñerse en marcha durante estas festas e manterse vixente durante todo o ano.