O PSdeG-Redondela reafirmase “na precariedade dos servizos de emerxencia municipais”

O incendio acontecido antonte na cociña dunha vivenda da Avenida de Vigo, en Chapela e a imposibilidade de actuar dos efectivos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) de Redondela, “por fallos no seu material de traballo”, é para o PSdeG-Redondela, “a corroboración do que o Grupo Municipal Socialista vén denunciando dende hai anos: Redondela carece dun servizo capaz de dar unha resposta rápida e eficiente ante calquera tipo de emerxencia”.

Segundo sinalan os socialistas redondeláns nun comunicado, o SEIS “carece dos medios, tanto materiais como humanos, que serían esixibles ao que é o cuarto municipio máis importante da provincia de Pontevedra”. O feito de que no incendio da Avenida de Vigo, os membros do SEIS non puideran actuar “por non funcionarlles os equipos de respiración autónoma, imprescindibles para traballar en espazos pechados e con fume”, amosan, segundo a concelleira socialista Digna Rivas, “un extraordinario grao de irresponsabilidade por parte dos responsables políticos do servizo ao poñer en risco a integridade dos traballadores do servizo”.

Máis grave é que os problemas co material do SEIS, sinala a concelleira facéndose eco das novas aparecidas en prensa, “son debidos á falta de mantemento e son coñecidas polos responsables do Concello dende hai máis dun ano”.

Se ben o “pasotismo político” tanto do alcalde de Redondela coma do concelleiro de Seturidade non sorprenden ao Grupo Municipal Socialista, si o fai a postura adoptada por AER que, na noite de antonte aseguraba nas redes sociais que “no incendio de Chapela mandan aos bombeiros do parque privado de Porriño habendo un parque de bombeiros público en Teis”. “Cousas do 112” di AER “que cumpre os protocolos da Xunta e Deputación. A seguridade queda en segundo plano”.
Non deixa de ser curioso que AER, “mentindo, falseando e terxiversando a realidade”, arremeta contra a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia “e obvie por completo a responsabilidade do Concello de Redondela, sobre quen recae, en primeiro lugar, a responsabilidade da seguridade no seu termo municipal”. AER silencia por completo o feito de que Redondela “non conta cos servizos de emerxencia que debería ter en consonancia coa importancia do municipio”, afirma Digna Rivas.

O silencio de AER “intentando tapar a responsabilidade do Goberno de Javier Bas neste asunto”, asegura a edil do PSdeG-Redondela “o fai cómplice da inoperancia e mala xestión do Goberno popular”, complicidade, engaden os socialistas redondeláns, “que quedou ben patente no Pleno dos orzamentos no que, con unha man critican as contas municipais do PP, mentres que con outra facilitan a súa aprobación absténdose á hora de votar”.

O PSdeG-Redondela seguirá denunciando, como o fixo ata o de agora, a “pasividade e neglixencia política” do Goberno de Javier Bas na xestión dos servizos de emerxencia e a necesidade de que Redondela “conte cuns servizos de emerxencias axeitados que garantan a seguridade da veciñanza e os seus bens”.