«SinSal Son» volve a superar todas as espectativas

O SinSal deste verán 2018 da Deputación de Pontevedra, desbordou todas as expectativas. A presidenta, Carmela Silva, amosou hoxe a súa satisfacción polos resultados obtidos no festival, que concentrou esta fin de semana na illa de San Simón a preto de 3.000 persoas, das cales o 35% son da provincia de Pontevedra, o 30% de A Coruña, o 25% de Madrid, o 5% doutras cidades do territorio español e o 5% restante de cidades do estranxeiro. A aposta vangardista do evento musical levou a artistas de todo o mundo coma Nelida Kerr, Cosmo Sheldrake ou Nakhane.

Carmela Silva destacou que “ao ter un cartel secreto, o SinSal convértese nun festival moi especial e singular, que crea misterio e intriga para todos os asistentes, ao non saber de que actuacións van desfrutar ata que chegan á illa de San Simón”. “Cada un dos RíasBaixasFest ten un elemento característico que o fai diferente aos demais”, asegurou Silva “e Sinsal é o único festival da provincia ao que tan só se pode acceder mediante transporte marítimo”.

Carmela Silva tamén quixo poñer en valor o éxito das iniciativas que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha durante o Sinsal en prol da igualdade e do respecto ao medio ambiente, tal e que a institución está a facer en todos os #RíasBaixasFests. Polo stand informativo da campaña de Igualdade «Conta comigo. Eu respéctote» e «Lembra. Eu decido. Ti respectas», pasaron máis de 650 persoas das cales o 60% foron mulleres e o 40% homes. Desde este stand repartíronse 900 sombreiros, máis de 3.000 pegatinas e 1.200 dípticos para previr casos de violencia sexual por submisión química e outros 1.200 para concienciar sobre o consentimento e a importancia de respectar o corpo alleo. Ademais, os asistentes tamén participaron activamente nesta campaña realizando fotografías no Photocall da institución provincial e compartindo o hastag #eudecidotirespectas.

A presidenta provincial tamén destacou os resultados da aposta da Deputación pola sustentabilidade coa campaña «Somos historias. Somos sostibles» que permitiu repartir durante o domingo ata 680 ecocabichas.