Ethel Vázquez visita as obras da Avenida de Vigo en Chapela

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co alcalde de Redondela, Javier Bas e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves na visita realizada ás obras da Avenida de Vigo A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co alcalde de Redondela, Javier Bas e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves na visita realizada ás obras da Avenida de Vigo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, visitou hoxe as obras de humanización que se están a desenvolver na Avenida de Vigo, de Chapela a asegurou que a veciñanza, tras as obras que contaron cun investimento de 2,3 millóns de euros, "xa dispoñen dunha vía máis accesible e segura". Vázquez Mourelle explicou que o bo avance das obras permitiu acurtar prazos, adiantando ao verán de 2018 a súa finalización, prevista inicialmente para o mes de novembro.

Puntualizou que se axilizou ao máximo a actuación para que puidera estar a punto no período estival, pois contribuirá a dinamizar a actividade e o comercio da zona. O proxecto consistiu na reurbanización da rúa nun treito de 1 km, coincidindo coa zona do mercado municipal e da alameda, para favorecer e facer máis compatible o tránsito peonil e rodado neste treito.

Para acadar este obxectivo, mellorouse a intersección que leva á factoría de Pescanova para facilitar a saída e entrada dos camións ás industrias en condicións máis seguras; e ampliáronse e renováronse as beirarrúas para favorecer os desprazamentos de veciños e visitantes nunha zona que alberga gran número de establecementos comerciais.

Tamén se aproveitou a actuación para renovar a totalidade dos servizos urbanos como abastecemento, saneamento, canalizacións de luz e teléfono, atendendo á solicitude do Concello e ao seu compromiso de financiar parte destes traballos.

EthelVazquez avenida de vigo 01

A conselleira subliñou que a Xunta continúa coa nosa aposta por reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos de veciños e turistas que se achegan a Redondela con outras actuacións. Así, lembrou que nestes momentos nesta mesma estrada tamén se están a instalar semáforos.

Avanzou que nas próximas semanas comezarán as obras de construción dunha nova pasarela metálica adosada á ponte de San Xulián, pola marxe dereita da estrada autonómica que vai a Ponte Caldelas, a PO-250, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo no tramo urbano da vía. Prevese o remate dos traballos para o outono grazas a un investimento de arredor de 164.000 euros.

Fixo fincapé en que esta actuación e o acondicionamento do contorno do Peto das Ánimas existente, coa colocación de pavimentación en lousa de granito, ao tempo que facilitan os desprazamentos a pé, facendo esta zona máis transitable, tamén contribúen á posta en valor dun elemento patrimonial de grande interese.

A conselleira anunciou tamén a humanización da avenida Mendiño de Redondela, coa redacción do proxecto construtivo xa en contratación. A finalidade desta actuación, como no caso da avenida de Vigo, será ordear o tráfico, o tránsito peonil e os aparcadoiros para facer a rúa máis accesible e máis segura.