«De gaita e tamboril» abre o programa de actos culturais nas prazas de Redondela

Mañá sábado, 7 de sullo, Redondela da a benvida aos actos culturais nas prazas que, como cada verán, son os encargados de congregar a centos de veciños e visitantes ao redor das múltiples e variadas opcións que, dende a Concellería de Cultura que xestiona Teresa París, prográmanse para estes meses estivais.

O sábado, o progagonista será o desfile de traxe tradicional galego que baixo o título de «De gaita e tamboril» acada xa a súa terceira edición e chega da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Os e as asistentes poderán gozar dun conxunto de variadas pezas, tanto femininas como masculinas, de vestimentas para diferentes ocasións, xoias e aderezos, ─moitos deles pezas antiquísimas─, recuperadas do esquecemento e que locen neste desfile no seu mellor aspecto. Tamén se poderán contemplar outras pezas que son copias ou recuperacións doutras xa perdidas, e que completan tamén o aditamento dos modelos tanto mulleres como homes.

Nesta ocasión ademais, con motivo da celebración deste terceiro encontro en Redondela, a veciñanza terá a ocasión de gozar do desfile de pezas propias de familias da vila que tiveron a ben cedelas para o goce de todas aquelas persoas que se interesan por esta marabillosa parte da cultura do Traxe Tradicional.

O encontro, que terá lugar no Adro da Igrexa parroquial de Santiago, en Redondela, a partir das 21:00 horas e de carácter gratuíto, será presentado por un dos membros da Asociación Sete Espadelas, e nesta ocasión ademais, amenizarán o acto con diversos cantes e bailes antes, durante e ao finalizar o desfile, completando así unha magnífica cita para curiosos e coñecedores.