Digna Rivas, “a Deputación leva investidos en Redondela máis de 6.000.000 de euros”

A deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra e concelleira do Concello de Redondela, Digna Rivas, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para dar conta, polo miúdo, dos investimentos que a Deputación realizou no concello redondelán nestes tres anos. Unha comparecencia “obrigada”, dixo Digna Rivas, “polo silencio do alcalde de Redondela que non nomea os investimentos feitos pola administración provincial e, curiosamente, tan só se lembra dos realizados pola Xunta de Galicia”.

Destacou Rivas o actual modelo de xestión da Deputación de Pontevedra “baseado en criterios obxectivos, na igualdade e na transparencia”, un sistema que, afirmou, “permite que todos os concellos, independentemente da súa cor política, teñan os mesmos dereitos”, ao contrario que pasaba ata ese momento “no que primaba a afinidade dos Gobernos locais co Goberno provincial”.

Segundo os datos aportados pola deputada redondelá, a Deputación Provincial, nestes tres anos de novo Goberno, investiu máis de 6.000.000 de euros entre as achegas do Plan Concellos e as outras liñas de axudas que o ente provincial pon a disposición dos concellos da provincia.

Digna Rivas quixo deixar claro, antes de entrar no repaso dos investimentos realizados pola Deputación en Redondela, que o ente provincial “non entra nas obras que se realizan” sinalando que “e competencia exclusiva do alcalde e do Goberno local, decidir as obras que se van realizar con eses cartos”.

A aclaración do sistema de elección das obras a realizar, levou a deputada a repasar os distintos investimentos realizados en materia de saneamento, melloras de viais, instalacións deportivas ou equipamentos, ao mesmo tempo que lamentaba “a ausencia de obras realmente trascendentes para as veciñanza” como podían ser a reforma do colexio de Trasmañó, a reposición de elementos deteriorados “por falta de mantemento” do paso da Portela, o mantemento de colexios públicos, que son competencia do Concello e non da Xunta ou mesmo as obras dos campos de fútbol do Viso e de Vilar.

“Seis millóns en tres anos, son moitos cartos que terían permitido facer obras de calado reclamadas longamente pola veciñanza” e, en lugar diso, afirmou Digna Rivas, “o Concello preferiu gastar 38.000 euros nun piano de cola para a Xunqueira”.

Campo de fútbol do Viso
Na súa comparecencia ante os medios, Digna Rivas quixo facer especial fincapé no campo de fútbol do Viso xa que, afirmou, “é un caso claro de manipulación e terxiversación da información por parte do Goberno local”. O Goberno local, explicou a deputada, trasladoulle aos veciños que a Deputación “máis concretamente esta deputada”, insistiu, negábase a facer as obras do campo de fútbol cando o certo, dixo Digna Rivas, “é que se lle explicou claramente ao Concello que, como o fixeron todos os demais da provincia, podía realizar esa obra a través do Plan Concellos.

“De xeito totalmente premeditado, ─afirmou Rivas─ o Goberno local terxiversou a información coa clara intención de enfrontar á veciñanza coa Deputación xa que o que pretendía e que por parte da administración provincial se lle dera diñeiro, a maiores, para dita obra”.

Ese tipo de actuacións “habituais no anterior Goberno da Deputación non teñen cabida agora”, argumentou a deputada e concelleira redondelá, que lamentaba que “o Goberno de Redondela quixera recorrer ás políticas do anterior presidente da Deputación” que, a cargo dos fondos de libre disposición que tiña “outorgaba cartos aos concellos afíns de xeito totalmente abitrario”. Esas actitudes, insistiu Digna Rivas, “non teñan cabida nun Goberno como o presidido por Carmela Silva, no que a concesión de fondos aos concellos está rexido por criterios de obxectividade, transparencia e igualdade”.

DignaRivas02

A Avenida de Vigo
Outro dos temas que a deputada Digna Rivas quixo aclarar, foi a da remodelación da Avenida de Vigo e a falta de estacionamentos do que, o alcalde de Redondela, “sen ningún tipo de rubor, culpabilizou tanto á Deputación provincial como a este deputada”. Segundo os datos aportados pola Deputada, o Concello tiña coñecemento do impacto que a obra ía a ter sobre os estacionamentos. Lamentablemente, dixo Digna Rivas, “e coa clara intencionalidade de culpar á Deputación, o concello presentou a solicitude de obra dos aparcadoiros, para o Plan Concellos, en marzo do 2018, nos últimos días de prazo”. Se é un bo xestor como el asegura ─matizou a deputada─ “debería coñecer o problema que se ía ocasionar e non esperar a pedir no último mes, cando as obras están a piques de rematar, para solicitar eses aparcamentos”. A actitude ten, para Digna Rivas, “unha clara intencionalidade política que nada ten que ver cos intereses da veciñanza, unha política de botar balóns fora e culpar á Deputación”.
Digna Rivas, en todo caso, quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños e veciñas de Chapela ao sinalar que a Deputación ten seis meses para resolver dita obra e que adquiría o compromiso da súa realización “no máis breve espazo de tempo”.

Por último, Digna Rivas, que fixo un pormenorizado repaso a todas as actuacións que a Deputación desenvolveu no Concello “silenciadas polo Goberno local”, lamentou que o alcalde de Redondela, “non teña a mesma belixerancia con outras administracións, como a Xunta de Galicia, que ten a veciñanza esperando por obras, importantes todas elas, de competencia autonómica” e puxo como exemplo as obras do patio cuberto do colexio de Santa Mariña, pola que levan esperando nais e pais máis de sete anos; a gardería de Chapela, o Centro de Día de Chapela ou a mellora e ampliación do porto de Cesantes entre outras.

Gratuidade de Rande
A preguntas dos xornalistas sobre a súa posición, como concelleira de Redondela e deputada provincial sobre a gratuidade da peaxe de Rande e a situación actual dese grave problema para as veciñas e veciños do municipio, Digna Rivas non dubidou en cualificalo de “auténtico escándalo”. Lembrou Rivas que no mes de xaneiro o Goberno de Mariano Rajoy anunciou a gratuidade desa peaxe e que, no mes de xullo, sería efectivo. Agora ─explicou Digna Rivas─ “enterámonos que durante seis meses, non se moveu nin un só papel” e denunciou “este xeito de facer política baseada en enganos continuos á veciñanza”. Rivas lamentou a postura adoptada polo alcalde de Redondela “que en lugar de defender os intereses dos seus veciños e veciñas prefire, como noutros temas, defender ao anterior Goberno do PP”.

Remataba Digna Rivas o seu encontro cos xornalistas asegurando que tiña moi claro “todo o que a Deputación estaba a facer por Redondela, e todo o que esta deputada está a traballar polo seu municipio” engadindo que non lle importaban a críticas que se fan nas redes sociais e que son “un xeito de facer política que nin comparto nin practico”. “Nada do que se diga na miña contra vai rebaixar nin un ápice as miñas ganas de traballar polo meu concello e pola súa veciñanza, sen ningún tipo de distinción”, concluía a deputada provincial que recomendáballe ao alcalde “lealdade institucional, mesura e tranquilidade”.