Clausura do Obradoiro de Emprego «Redondela Vilabela»

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo acalde de Redondela, Javier Bas, clausurou o obradoiro de emprego «Redondela VilaBela» e felicitou, na Leira da Xunqueira, aos alumnos e alumnas que participaron nesta iniciativa promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello. O Goberno galego destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados nas especialidades de cantería e agricultura ecolóxica, xardíns e viveiros, preto de 280.000 euros.

obradoiro vila vella 02

Estes obradoiros, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

O representante autonómico, que acudiu acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, recordou que, no que atinxe á área territorial de Vigo, puxéronse en marcha 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O obxectivo destes últimos, indicou, é o de “seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica”. Á posta en marcha destes 14 talleres, nos que participan 250 desempregados, a Administración autonómica dedica máis de 4,2 millóns de euros.

obradoiro vila vella 03

Por último, López-Chaves subliñou que os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.