Redondela reinicia, o luns 2 de xullo, as visitas guiadas

As visitas guiadas gratuítas de Redondela, organizadas pola Concellería de Turismo que xestiona Teresa París, retómanse a partir do vindeiro luns 2 de xullo, logo da boa acollida que tiveron durante o pasado ano e que contaron cunha máis que salientable participación de veciños e veciñas. A iniciativa permite, a veciñanza e visitantes, coñecer a vila desde diferentes aspectos e puntos de interese. Persoal altamente cualificado explica os valores tanto históricos coma culturais e arquitectónicos, naturais, industriais e comerciais de Redondela.

Estas visitas reanúdanse este vindeiro luns, día 2 de xullo, e realizaranse todos os días durante o verán, con saída dende a oficina de turismo ás 19:30. O aforamento máximo será de 25 persoas. Os interesados pódense anotar na propia oficina de turismo antes das 19:30 horas, no mail Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando ao teléfono 986 401 713 de 11 h a 14 horas e de 16:30 h a 19:30 horas.

Estas saídas, ao ser en grupo reducido, permiten ir deténdose naqueles aspectos máis salientables ou que interesen máis ao visitante ou ao veciño. Teñen carácter totalmente gratuíto e non requiren de ningún equipamento especial.

“Este proxecto iniciouse o ano pasado con gran éxito de afluencia polo que non podiamos non repetir esta nova convocatoria”, explica a concelleira de Turismo, María Teresa París. Interésanos ─engade a concelleira redondelá─ "que os peregrinos e turistas en xeral coñezan Redondela e o seu gran valor histórico e patrimonial, que se vaian cun bo recordo da nosa vila e que a dean a coñecer nos seus lugares de orixe".