A aposta de Redondela pola integración das persoas con discapacidade sensorial

De esquerda a dereira, Carmen Amoedo, concelleira de Benestar Social; Javier Bas, alcalde de Redondela e María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, coa intérprete que permitía ás persoas xordas seguir a rolda de prensa De esquerda a dereira, Carmen Amoedo, concelleira de Benestar Social; Javier Bas, alcalde de Redondela e María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, coa intérprete que permitía ás persoas xordas seguir a rolda de prensa

O alcalde de Redondela, Javier Bas, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carmen Amoedo e a presidenta de XOGA, María Jesús Monterde presentaron na tarde de onte, na Casa do Concello de Redondela, as actividades que se estaban a desenvolver con motivo da celebración, hoxe 14 de xuño, do Día Nacional da Lingua de Signos, entre os que se encontraba un contacontos para os máis cativos, desenvolvido nesta linguaxe, e que se estaba a desenvolver neses momentos na entrada da Casa do Concello cun grande éxito de participación de nenos e nenas.

Pero máis aló dos actos puntuais, a convocatoria de prensa buscaba algo de moito máis calado, como era dar a coñecer a importancia da difusión da lingua de signos como unha ponte que permita a inclusión, en toda a amplitude da palabra, das persoas con discapacidade sensorial na sociedade.

Carmen Amoedo, na súa intervención, subliñaba o feito de que, con frecuencia, “as persoas con discapacidade sensorial son as máis esquecidas”. Por iso, apuntaba a concelleira de Benestar Social, dende o concello de Redondela iniciáronse “unha serie de actuacións encamiñadas á integración” actuacións, matizou, “que teñen un claro carácter de permanencia e continuidade”. O Día Nacional da Lingua de Signos, que hoxe se celebra “é unha data importantísima para visibilizar a situación destas persoas”.

xoga redondela 02Numerosos nenos e nenas participaron no contacontos de linguaxe de signos que se desenvolvía no exterior da Casa Consistorial redondelá

María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, (Organización de persoas xordas de Galicia), agradecía ao Concello de Redondela o que abriran “unha auténtica porta comunicativa” con este sector da sociedade. Sinalaba Monterde que “se non se abre esa porta, todo queda en pequenas pinceladas que non cobren as necesidades reais das persoas con discapacidade sensorial”.

A colaboración entre XOGA e o Concello de Redondela, permitiu a posta en marcha de iniciativas inclusivas como o feito de que a casa consistorial redondelá conte do denominado ‘bucle magnético’, ─que permite mellorar audición das persoas con audífonos, ao suprimir os ruídos de fondo─ ou a realización de cursos de linguaxe de signos para o funcionariado.

Nese sentido, a presidenta de XOGA salientaba a importancia desta última iniciativa xa que, apuntaba, “se o funcionariado non está preparado para atender á xente con discapacidade sensorial, a vida destas persoas vólvese máis complexa” xa que, engadía María Jesús Monterde, “o interprete 24 horas ao lado dunha con esta discapacidade é inviable”.

A importancia, e pode que o perigo deste tipo de discapacidade “reside en que é invisible e, ás veces, as persoas que a padecen non son conscientes” e leva a un paulatino illamento destas persoas que, ao non ouvir, “íllanse das súas familias e do seu entorno”.

O esquecemento dunha lingua cooficial
No encontro coa prensa, María Jesús Monterde deixaba un dato tan curioso como, posiblemente, descoñecido: “a lingua de signos está aprobada dende o 2007 como Lingua Cooficial do Estado e, polo tanto ─aseveraba a presidenta de XOGA─ as administracións públicas terían que poñer en valor, ademáis de facelo tamén a propia sociedade”.

Nese punto, destacou a iniciativa do alcalde, Javier Bas, “que asistiu e asiste aos cursos de linguaxe de signos como calquera outro cidadán” de gravar un vídeo cun discurso, para este 14 de xuño, utilizando a linguaxe de signos española. Monterde cualificou este discurso como “pioneiro a nivel nacional” xa que algúns políticos “din, como moito ‘hola’ e ‘feliz día’” e non, como este, “un discurso extenso, subtitulado e que no está en oral para fomentar a lingua de signos”. De feito, a presidenta de XOGA matizou e insistiu, en que non era “un corta e pega ou que outra persoa estivera axudándoo a expresarse”. Este discurso é “un paso importantísimo e animamos aos responsables políticos a que sigan o exemplo, para que teñan consciencia de como se traballa e que inquietudes temos”, concluíu María Jesús Monterde.

Finalmente, o alcalde de Redondela, Javier Base, cualificaba as iniciativas emprendidas para a inclusión das persoas con discapacidade sensorial, como “un camiño que xa non ten marcha atrás no Concello de Redondela” porque, apuntou, “tiñamos claro que non se trataba facer actos illados para cumprir trámites”.
Bas cualificou a XOGA como “un auténtico faro que nos marcou o camiño” e afirmou que foi quen “a lingua de signos que é unha lingua como outra calquera, coas súas estruturas e a súa forma” e da que o rexedor local definiuse como “seguidor incondicional”.

A única forma de poder solucionar os problemas deste colectivo, dixo o alcalde de Redondela, “é facer o que fixemos, poñerse no lugar deles, coñecer cal é a situación deles na vida diaria”. O rexedor local agradeceu a acollida que tivo o primeiro curso de lingua de signos para o funcionariado “que fixo necesaria a realización dun segundo curso” e chamou a atención sobre a implicación da sociedade de Redondela “que fixo que os dous cursos de lingua de signos, un deles aínda en marcha, tiveran unha magnífica acollida”.

“O tema do vídeo vén a que son temerario” afirmaba Javier Bas que engadía “era obriga miña poñer a institución no camiño de dar un paso máis para poñer en valor unha lingua de comunicación”
Remataba Javier Bas animando a todos e todas os que que teñen cargos públicos, a que sigan este camiño inclusivo “porque dende as administracións pódese facer moito e cantos máis sexamos, máis fácil será e gustaríame poder contribuír a que, estes pasos que damos dende Redondela, se estendan a outras administracións”.