Augas de Galicia avala a denuncia de AER sobre a senda do Maceiras

Augas de Galicia vén de dar a razón á Agrupación de Electores de Redondela, (AER), na denuncia presentada por dita agrupación sobre as obras que se estaban a realizar na senda do río Maceiras. En dita denuncia, AER solicitaba da administración de augas, a pralización das obras ata o mes de xullo, así como a retirada da escollera e dos muros "que non estaban contemplados no proxecto autorizado".

Segundo sinala AER, esta mesma semana, Augas de Galicia comunicaba aos independentes redondeláns que “mediante oficio remitido ao Concello de Redondela requiriuse a paralización das obras a partir do día seguinte da recepción do escrito ata o remate do mes de xuño e que as modificacións tanto dos muros que se están a realizar como da tipoloxía de pedra da que se compoñen deben ser comunicadas e solicitadas a este organismo".

O 3 de maio, antes de enviar a petición a Augas de Galicia, AER xa tiña solicitado ao Concello de Redondela, vía Rexistro, a paralización das obras sen que, explican "tiveramos resposta formal". Sorpréndelle á Agrupación, que a resposa veña a través dos medios de comunicación nos que concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Redondela afirmaba que os técnicos de Augas de Galicia e do Servizo de Conservación da Natureza "avalaban o cumprimento da condición mencionada ao non afectar as obras á canle do río" polo que AER preguntou ao Concello, por vía oficial, "en que data se realizou esta visita dos técnicos, se existe algún informe por escrito dos técnicos e copia do mencionado informe, se é que o había".

A resposta dada agora por Augas de Galicia " que sinala que non se poderán executar traballos na zona de servidume de 5 metros entre abril e xuño" e, para AER, unha clara mostra de que "o concelleiro de Medio Ambiente mentiu publicamente" polo que AER considera "que debería dimitir do seu cargo".