Positiva acollida da exposición do Colectivo Republicano, no local do BNG de Redondela

Varias ducias de veciños e veciñas de Redondela, asitiron ao acto de inauguración da exposición «A Crimilación do Pensamento». Dende o Colectivo Republicano agradeceron as diversas mostras de apoio, pero especialmente destacaron "a valentía" da organización nacionalista "por accederen a expoñer a selección de fotografías de temáticas reivindicativa e social".

Por parte do BNG, o seu concelleiro, Xoán Carlos González salientou “como obriga democrática que a xente puidera ver e contemplar os contidos desta exposición, que únicamente se refiren a feitos reais e constatabeis”. Aludíu á necesidade de “non terlle medo a defender as ideas, e expresalas por vías democráticas” e responsabilizou ao Goberno local redondelán por "iniciar unha situación inédita" en Redondela como é "censurar unha exposición.

Pola súa banda o parlamentario Luís Bará, considerou que o acto en si "xa representaba unha anomalía democrática". Os comentarios dalgunhas das persoas que puideron visitar a mostra, foi de "incredulidade, e estupor", sinala a organización nacionalista, posto que consideraron maioritariamente, que as fotografías seleccionadas "cinguíanse a feitos reais". 

Esta exposición manterase durante as vindeiras dúas semanas no local do Bloque Nacionalista Galego en Redondela, en horario de 19 h a 21 h.