Redondela "localiza e sanciona" os depósitos de aveños e lixo fora dos colectores

O Concello de Redondela a través do departamento de Medio Ambiente vén de dar conta da limpeza, "como en múltiples ocasións"  dalgúns lugares onde, segundo o executivo local, "os veciños depositan fóra dos contedores e sen previo aviso todo tipo de aveños e obxectos", algún deles perigosos como anacos de uralitas, aceites de motor, rodas...

O Concello redondelán sinala que, neste mes, e grazas á colaboración cidadá, "procedeuse á identificación dun veciño tirando sacos de lixo fóra dos contedores e a outro veciño de Chapela deixando unha caixa grande con múltiples obxectos domésticos" o que levou á apertura de expedientes sancionadores. O Concello que preside Javier Bas, lembra á veciñanza que "hai un teléfono 986 408 034 para chamar no caso de que necesiten a recollida de aveños voluminosos e que se realiza de forma gratuíta".

O pasado ano foron 1.664 as chamadas que atendeu Urbaser para recoller todo tipo de aveños e no que vai de ano retiráronse 196 colchóns, 137 cadeiras, 38 Armarios, 46 somieres, así como innumerables obxectos como mesillas, lavadoras, neveiras, televisores, .... Tamén se lembra que as sancións por deixar uralitas na vía pública "son cuantiosas, xa que en ningún caso son inferiores aos 1,500 €".

O Concello de Redondela solicitou a colaboracion cidadá "para evitar que os nosos montes e camiños presenten esa mala e desagradable imaxe" e, aclaran, que o departamento de Medio Ambiente, en moitas ocasións, non retira de inmediato estas verteduras "para poder investigar a procedencia on porque, en moitos casos, son materiais perigosos que precisan do seguimento dun protocolo para a súa retirada".

Hai persoas, sinala finalmente o Concello, "que se crearon a idea de que se pode tirar de todo e en calquera sitio, que o Concello xa pasa de inmediato a retiralo".