Redondela vive, con intensidade, a súa XXXII Festa do Choco

O alcalde de Redondela, Javier Bas, na visita realizada á carpa da Festa do Choco O alcalde de Redondela, Javier Bas, na visita realizada á carpa da Festa do Choco

Logo da apertura da carpa no serán de onte venres, e das actuacións dos grupos de música e baile de Redondela, Ballet de Deborah, Baile de Cedeira, Caveiro e Vilar, hoxe sábado, Redondela viviu con intensidade a Festa do Choco na súa trixésimo segunda edición que tiña, como novidade, a presentación de «Choquiño» a segunda mascota oficial do Concello de Redondela.

O alcalde de Redondela, Javier Bas, acompañado polo presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza e Manolo Conde, presidente do Grupo Casa Paco 81, percorría os distintos postos situados na carpa da Festa do Choco para, de seguido, dirixirse ao público presente para falar da importancia da festa, non só dende o seu punto de vista festivo, senón tamén económico xa que, sinalaba Javier Bas, “estamos a falar dun dos símbolos de Redondela”.

Doutra banda, no acto desta mañá presentábase oficialmente a «Choquiño» que será a segunda mascota oficial coa que conte Redondela, engadida á «Coca Simona» e que, como apuntaba o alcalde, “entre as dúas terán que repartirse o traballo de representación nos actos oficiais do municipio”.

E, sen dúbida, unha mascota simpática e divertida que fixo a súa presentación oficial acompañada dos nenos e nenas do equipo Grupo Casa Paco 81. Logo, no seu percorrido pola carpa, «Choquiño» fixo ás delicias dos máis pequenos que non dubidaron en fotografiarse coa nova mascota.

Os actos da mañá, pechábanse coa actuación, extraordinaria por certo, do grupo de gaitas e baile «Airiños de San Simón» do que deixamos tres boas mostras nestes videos.

A pausa do mediodía, era aproveitada por centos de veciños, veciñas e visitantes que aproveitaban para degustar choco preparado das máis diversas formas e a prezos realmente asequibles. O certo é que a carpa prestábase para iso xa que, ao contrario do que acontece noutras celebracións destas características, contábase con servizo nas mesas e un podía degustar este manxar da baía de Redondela, con mantel e cubertos o que, sen dúbida, contribúe a facer moito máis agradable a degustación.

Pola tarde, a Festa do Choco continuaba con obradoiros de cociña infantil, que fixeron as delicias dos máis pequenos, e unha demostración de cociña a cargo de Gastrobar-Redondela.
A xornada do sábado pecharáse coa actuación do grupo «Airiños Mar de Teis» e coa actuación, ás 22 30 horas, do trío musical Merchy Treviño e Etiqueta Negra».

Mañá domingo, 13 de maio, veciñanza e visitantes poderán degustar os chocos dende primeiras horas da mañá, xa que está prevista a apertura da carpa ás 10:30 horas. As 11 horas alborada, por toda a vila, a cargo da Banda de Música de Redondela e xa ás 12 horas, terá lugar o acto oficial de recepción das autoridades na Casa do Concello. Ás 12:30 horas, o pregón do humorista Javier Varela, pechará os actos da mañá.

Ás 17 horas, terá lugar un novo obradoiro de cociña dirixido aos máis pequenos e cara ás 18:45, a Orquestra de Saxos de Redondela, ofrecerá un concerto.

Finalmente, ás 20:30 horas, actuará o Trío Pentágono e o peche da carpa, ás 22 horas, poñerá fin a esta trixésimo segunda edición da Festa do Choco de Redondela.