O PSdeG-Redondela alerta da renuncia a contratar persoal para Servizos Sociais financiados pola Xunta

O PSdeG-Redondela asegura que a Xunta de Galicia, o 30 de decembro de 2016, daba conta do financiamento autonómico dos cadros de persoal técnico de Servizos Sociais comunitarios ao abeiro do Plan Concertado aprobando a contratación dun traballador/a social e unha educadora/or social para o Concello de Redondela. Os socialistas lembran que, segundo o número de habitantes, a Redondela "corresponderíalle ter entre 3 e 5 traballadores/as sociais no cadro de persoal de Servizos Sociais.

Digna Rivas cualifica a situación de “absolutamente indignante" o feito de que "os veciños e veciñas que están a pasar momentos difíciles teñan que sufrir meses de espera” mentres “se renuncia á contratación de persoal específico subvencionado pola administración autonómica”. Lembra que, para as familias que buscan axuda dos Servizos Sociais municipais, “o tempo de resposta é esencial para arranxar a grave situación pola que están a atravesar” xa que ”tres meses de espera para as persoas que están en risco de exclusión social pode supor pasar a ser excluído”.

No referente a esta situación, a edil socialista culpa directamente ao alcalde, “por ser consentidor da mala xestión e o abandono de que están a ser obxecto os servizos sociais municipais” e á súa tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais.

Para a concelleira socialista “non é de recibo” que o concello redondelán, tendo concedido dende o 2016 o financiamento para un cuarto traballador/a social e do terceiro educador/a social, “renuncie a súa contratación e continúe proporcionando uns servizos sociais mínimos”. Esta falta de persoal provoca unha sobrecarga nos servizos “que leva aparellado o retardo na tramitación de servizos básicos como a dependencia, RISGA ou axudas de inclusión provocando longas listas de agarda”.

Doutra banda, os socialistas redondeláns acusan á concelleira María Carmen Amoedo de mentir cando, en setembro de 2017, aseguraba que a «Lei Montoro» do PP era un obstáculo á hora de dotar de máis persoal aos departamentos do Concello do mesmo xeito que afirmaba que os Servizos Sociais municipais “non estaban en crise”, pero admitía a necesidade de incrementar os seus efectivos asegurando que se buscaría o xeito de incorporar a un traballador/a social e unha educadora/or social a través dun plan.

Pola contra, Digna Rivas asegura que a pesar da existencia de diferentes plans tanto da Xunta como da Deputación de Pontevedra “o Goberno local renuncia expresamente a contratación das dúas persoas a través da Xunta de Galicia a sabendas de que son imprescindibles para potenciar uns servizos sociais literalmente colapsados” e engade que “priorizan a contratación de persoal de xardíns por enriba de técnicos sociais mediante os plans da Deputación de Pontevedra”.

Queda claro, di o PSdeG-Redondela, que as necesidades e dereitos das persoas “non son unha prioridade para este Goberno” ignorando que os Servizos Sociais “constitúen un piar fundamental do Estado de Benestar” e que corresponde aos poderes públicos “garantir uns servizos públicos eficaces e de calidade” máxime, subliñan, “cando dende outra administración están a proporcionar os recursos económicos para poder facelo”.