Redondela prepárase para vivir a XXXII Festa do Choco esta fin de semana

Entre os días 11 e 13 de maio, Redondela celebrará a Festa do Choco, unha das súas celebracións máis tradicionais e que, por méritos propios ─con trinta e dúas edicións ás súas costas─ forma parte dos eventos gastronómicos máis salientables de Galicia. O marco incomparable do Museo de Interpretación da Batalla de Rande, Meirande, foi o lugar elixido para a presentación desta XXXII Festa do Choco.

A concelleira de Ensino e Eventos, Ángela Antón, encargada da presentación da festa ante a ausencia obrigada do alcalde Javier Bas, por asuntos urxentes de axenda, daba as gracias a todos cantos fan posible esta festa “comezando pola confraría de pescadores que son o primeiro eslabón desta festa” sinalou a concelleira.

festa choco 2018 presentacion 04

A concelleira de Ensino e Eventos, Ángela Antón, na presentación da XXXII Festa do Choco de Redondela, no Meirande

Unha festa na que o Concello, explicaba Ángela Antón, sempre foi da man da Asociación de Empresarios que colaboran, matizou, non só na organización e montaxe “senón no máis importante da festa que é poñer en valor todo o potencial que Redondela ten neste tipo de eventos”.

Na procura de dar cada ano, “un paso máis” na potenciación da Festa do Choco, nesta edición contarase coa participación das adegas Señorío de Sobral, cun albariño que acadaba a Medalla de Ouro 2018 na International Wine Trophy de Frankfurt e que marida, á perfección, co choco independentemente do xeito en que este estea preparado.

Na quenda de intervencións, o presidente da Confraría de Pescadores de Redondela, Clemente Bastos, chamaba a atención sobre o feito de que a Festa do Choco, era unha “festa cara” xa que, explicaba “50 quilos de choco, unha vez limpos e cocidos, quedan reducidos a 25 quilos”. Dende ese punto de vista, non dubidaba en asegurar que, posiblemente, “era unha das festas máis caras de Galicia”.

Nese sentido, na presentación da Festa do Choco, chamábase á atención sobre o “enorme esforzo” que tiña realizado a organización para manter os prezos do pasado ano “pese ao encarecemento do produto neste 2018”, encarecemento que segundo explicaba Clemente Bastos, “era debido a que foi un ano de choiva, de moita chova e que fixo que as capturas non foran moi abundantes” aínda que matizaba “dunha calidade extraordinaria. Remataba o presidente da Confraría de Pescadores dando un «toque de atención» sobre a necesidade de potenciar a Festa do Choco coa participación de máis stands no interior da carpa.

Pola súa banda, Carlos Villamarín, representante da Asociación de Empresarios de Redondela, salientaba na súa intervención o traballo que desenvolvía a Asociación “en poñer en valor todas as fortalezas que temos no noso concello e potencialas ao máximo”. Apuntaba o representante dos empresarios e comerciantes que “canto máis se mova no concello, máis repercute na actividade comercial e empresarial”.

Villamarín incidía sobre a necesidade de “participar máis neste tipo de eventos que atraen moita xente a Redondela o que se traduce en que quedan cartos en Redondela e, como consecuencia, poténciase a economía”.

festa choco 2018 presentacion 02

De esquerda a dereita, Ramón Villar de adegas Señorío de Sobral; Teresa París, concelleira de Turismo e Cultura; Ángela Antón, concelleira de Ensino e Eventos e María Lago de adegas Señorío de Sobral

A novidade deste ano, como sinalabamos, era a participación por primeira vez, das adegas Señorío de Sobral, representadas neste acto por María Lago e Ramón Villar. Precisamente, Ramón Villar, nas súas palabras, aseguraba coincidir cos anteriores intervenientes no sentido de que “os eventos gastronómicos teñen un retorno para o municipio” e nesa liña expresaba a súa confianza que “a nosa participación cun albariño que facemos con todo cariño” fose o xeito de “poñer o noso gran de area para a potenciación desta Festa”.

Pechaba o acto a concelleira de Turismo e Cultura, Teresa París, que chamaba a atención sobre o que cualificaba “a longa traxectoria vital da Festa do Choco, con trinta e dúas edicións ás súas costas”. A responsable de Turismo do Concello de Redondela expresaba tamén o seu orgullo de que, logo destes anos, “a festa do Choco, tanto pola súa implantación como pola súa calidade, é unha festa sobradamente coñecida en toda Galicia”.

A festa, sinalou París, ten un claro obxectivo “que é ensalzar un produto típico de Redondela, o choco, que ten marca propia e recoñecida dende hai anos” pola súa extraordinaria calidade que ven dada, entre outras cousas, “polo xeito de «cultivalo» dun xeito específico e tradicional, respectando escrupulosamente os períodos de veda”.

Rematou Teresa París facendo referencia a importancia desta celebración que, dixo, “é fundamental para o comercio local, fortalece o noso tecido empresarial, o noso tecido mariñeiro e nos fortalece cultural e socialmente”.