O PSdeG-Redondela denuncia a inseguridade peonil en Rande

O PSdeG-PSOE de Redondela vén de denunciar a inseguridade viaria que teñen que padecer os veciños e veciñas da zona de Rande e Cabanas. A obra do camiño peonil, que comeza no Alto da Encarnación pasando polo Cabo de Pedra e rematando un pouco máis adiante da rotonda de saída da autoestrada en Cabanas, "impide o paso ao tramo feito por un valo colocado 100 metros antes da ponte da autoestrada dende hai máis dun ano", explican os socialistas

Logo de máis dun ano da súa realización, o PSOE redondelán asegura que o Goberno local "non tomou alternativas para a accesibilidade dos viandantes". Segundo os socialistas “moita veciñanza de Rande e Cabanas trasládannos as súas queixas xa que vense obrigados a saltar o muro de formigón que separa a beiravía do camiño peonil para poder pasar ao tramo feito que garanta a súa seguridade".

A maiores aseguran que "tamén prexudícase a conexión interparroquiai entre a zona de Cabanas e Rande con Chapela". O PSOE lamenta o que cualifica de "falta de xestión do Goberno Municipal" xa que, afirman, "existe un mellor acceso uns metros máis adiante pero impedido pola colocación dun valado que leva máis dun ano, obstáculo que ocasiona a inseguridade dos peóns, tanto polo perigo de atropelo ao ter que circular pola beiravía como pola posible caída dunha persoa ao intentar saltar ao camiño peonil".

A esta problemática, rematan os socialistas de Redondela, engádese o feito de que "aínda que nesta zona existe límite de velocidade por mor das obras de ampliación da A9-P, pódese observar en cinco minutos como a maioría dos vehículos incumpren". E imposible facer un control eficaz nesta materia, remata o PSdeG-Redondela "debido á falta de axentes" xa que Redondela, lembran, "posúe a metade de policías locais dende que está o actual Goberno Municipal”.