O 'xene' autodestructivo do PSdG

Solo a existencia dun xene autodestructivo, mutación do instinto de conservación, pode explicar o resultado das primarias no PSdeG. Baixo a aparencia de elección dun candidato, en realidade enfrontábanse dous modelos de partido. Dunha parte un modelo que pretendía construír o futuro, partindo do xa existente e dicir das alcaldías e dos gobernos municipais así como da maioría do representantes institucionais nas deputacións, no Parlamento e no Congreso. Esta era a opción representada por Méndez Romeu.

Doutra banda estaba un grupo de xente arredor da xestora, expertos en supervivencia política que argallaron unha alianza que lles permitira manter a súa cota de poder, presentado a Leiceaga, un candidato sen aparentes ataduras co pasado mais ala da súa anterior militancia no BNG.

Simplificando había que escoller entre o modelo de Vigo e a súa área, caracterizado polo traballo diario nas agrupacións e nos concellos, para conseguir o apoio dos cidadáns e así acadar os gobernos municipais que permitiron por primeira vez gobernar a Deputación de Pontevedra. Ou por outra banda o modelo da provincia de A Coruña, caracterizado nos últimos anos por múltiples tribus enfrontadas entre si , modelo que propiciou que hoxe as 3 cidades desta provincia, Santiago, Coruña e Ferrol, teñan alcaldes das Mareas. É neste ambiente de liortas interminables, onde algúns avispados con escaso apoio cidadán, atopan o ambiente mais propicio para sobrevivir.

O resultado xa é sabido, as primarias as gañaron os mesmos que escorrentaron a Caamaño, que lle fixeron a vida imposible a Pachi Vazquez , os mesmos que nos últimos meses do seu goberno lle fixeron a cama a Touriño. Son os mesmos que agora uparon a Leiceaga pero que non dubidaran en cortarlle a cabeza mañá, si fose necesario para a súa supervivencia política.

Para calquera partido político ter ó alcalde da principal cidade de Galicia, que ademais gaña as eleccións con maioría absoluta, sería o seu maior patrimonio, a súa maior fortaleza. Máxime cando Vigo é un exemplo de xestión municipal, sen déficit económico, coa maior dotación para política social e una cidade que luce mellor ca nunca . O apoio cidadán ó alcalde e á súa xestión é espectacular. Solo o xene autodestructivo do PSDdeG pode xustificar que o discurso anti-Vigo teña tanta aceptación dentro a propia organización. Significativa e sorprendente foi a foto da vitoria de Leiceaga xunto a Gonzalo Caballero, líder do sector crítico en Vigo, que representa a contra do principal activo que temos no PSdeG. Pódese construír unha alternativa seria e solvente sobre esta base?

Mendez Romeu foi o único aspirante que centrou a súa campaña en Galicia, nos problemas de Galicia e na súa solución dende unha perspectiva socialdemócrata. Combativo co PP e coas Mareas. Era o candidato que podía aglutinar unha maioría cualificada no PSdeG para construír o futuro partindo do que xa temos, que son as alcaldías, os gobernos municipais e os nosos representantes institucionais. O fracaso da súa candidatura é sobre todo responsabilidade dos dirixentes que non soubemos explicarlles ós militantes que o que se votaba non era solo un candidato ou un voceiro para as autonómicas, senón un modelo de partido. Escolliamos entre construír o futuro poñendo en valor o que somos e o que temos, ou nos mantiñamos na cultura do enfrontamento interno por mor dun xene autodestructivo que nos pode levar camiño da irrelevancia política.

Será Leiceaga quen de combater ó xene mutante e achegarse ós que traballan día a día acadando o apoio dos cidadáns? Verémolo nas vindeiras semanas.

Delfín Domínguez Cerdeira é Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ponteareas