Salvaterra abre a inscrición para participar no «Enterro da Lamprea 2018»

Entre os días 15 de xaneiro e o 2 de febreiro, estará aberta a inscrición para todos aqueles que queiran participar, con comparsa ou carroza, no «Enterro da Lamprea 2018» de Salvaterra de Miño que terá lugar o 17 de febreiro a partir das 17 horas. En todo caso, a concellería de Cultura, que xestiona a tenente de alcalde Marta Valcárcel, lembra que o Concello, por motivos de seguridade, organización e espazo “resérvase o dereito de reducir ou ampliar dito prazo de inscrición”.

Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas Comparsas e Carrozas, que cumpran os requisitos. Solo se poderá inscribir unha comparsa ou carroza por asociación ou persoa.

Haberá dúas modalidades que serán as de Categoría de Carroza: na que poderán participar todas aquelas carrozas que teñan como mínimo 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 m de largo e Categoría de Comparsa, na que poderán participar as comparsas que teñan un mínimo de 20 membros.

As comparsas ou carrozas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación e non serán consideradas como comparsas ou carrozas, con dereito a inscrición e participación, aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o seu disfrace.

Os premios a participación oscilarán entre os 100 € e os 600 €, dependendo da categoría e da cantidade de participantes.

Dende o Concello queren recordar que todas aquelas persoas que queiran participar no enterro de forma persoal e non a través dunha carroza ou comparsa poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de «Choronas» que acompañan a lamprea, iso si, de loito rigoroso.

A saída do desfile de Comparsas e Carrozas do Enterro da Lamprea do Entroido 2018 de Salvaterra, está prevista para as cinco da tarde, dende a Rúa Rosalía de Castro, discorrendo por Castelao, Fonte da Vila, dona Urraca e Praza do Concello.

As bases de participación, na súa totalidade, poden descargarse nesta ligazón.