Todo preparado para o «II Raid do Condado-Marqués de Vizhoja»

A fin de semana do 21 e 22 de outubro, O Condado acollerá o «II Raid do Condado Marqués de Vizhoja», proba puntuable para as ligas Galega e Española de Raids de aventura, sendo ademais o Campionato Galego de Raids da tempada 2017.A proba terá un percorrido total de máis de 170 km, que transcorrerá polos Concellos de Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño e A Cañiza.

O evento, organizado co apoio de Adegas Marqués de Vizhoja, foi presentado en Salvaterra de Miño coa presenda da tenente de alcalde de Salvaterra, Marta Valcárcel, os alcaldes das Neves e A Cañiza, Xosé Manuel Rodríguez Méndez e Miguel Adolfo Domínguez, respectivamente; os concelleiros de deportes de Arbo e As Neves, Pablo Domínguez e Óscar González, amais do presidente da federación Galega de Orientación, Alberto Arufe; o presidente e propietario das Adegas Marques de Vizhoja, Jorge Peláez e l presidente do Club Cornelios e director da carreira, Diego Fernández.

Os equipos participantes, de 3 compoñentes cada un, recibirán 10 mapas diferentes para realizar en kaiak, BTT e trekking, co obxectivo de pasar polos puntos de control indicados neles sendo elección dos corredores o percorrido óptimo para alcanzalos, para o que unicamente terán a axuda dos seus compases. O equipo vencedor será o que máis puntos de control consiga no menor tempo posible e chegando a meta antes das horas de peche de cada etapa.

Unha proba de dúas etapas
Este «II Raid do Condado-Marques de Vizhoja» terá dúas etapas. A etapa 1 constará dun percorrido de 134 quilómetros con saída será en Salvaterra de Miño o sábado ás 10 h, os equipos tras facer un pequeno percorrido de carreira a pé pola zona urbana de Salvaterra, pasarán a realizar un percorrido en kaiak polo Miño, a continuación realizarán un trekking polos montes de Salvaterra para posteriormente dirixirse en BTT a O Cebreiro na Cañiza. Alí realizarán un espectacular percorrido de trekking dun 26 km volvendo ao lugar de O Cebreiro para coller novamente as súas bicicletas e poñer rumbo ao centro das Neves, onde deixarán as bicicletas para realizar un trekking polos montes nevenses e finalizar a etapa do sábado na Praza do Concello.

A etapa 2, duns 40 quilómetros, sairá o domingo ás 9 h do Arabo (Centro de interpretación do Viño e a lamprea de Arbo). Consistirá nunha curta carreira a pé polo centro urbano para despois realizar unha BTT en bucle polos montes da zona e volver ao Museo onde comezarán un percorrido a pé que incluirá vadeo de río e realizar un rapel descolgado desde unha altura dun 30 m. A meta final será dentro da Finda de Adegas de Marqués de Vizhoja onde se esperará a todos os corredores para recibilos como se merecen despois do esforzo titánico durante as dúas xornadas de carreira.

A cerimonia de entrega de premios e o petisco de confraternización terá lugar na Finca de Adegas Marqués de Vizhoja en Cequeliños ás 14:30 h do domingo.

Actualmente xa hai inscritos preto de 30 equipos e as inscricións continúan abertas a través da plataforma Tracktherace.

A organización anima a todos aqueles amantes da aventura que se inscriban nesta proba, xa que ademais das categorías oficiais da liga creáronse as categorías «promoción curta» e «promoción longa», de menos dificultade técnica e física para que calquera poida descubrir este deporte e pasar un emocionante fin de semana no Condado.