Salvaterra abre o prazo de axudas para adquisición de libros e material escolar

A Xunta de Goberno do Concello de Salvaterra de Miño aprobou as bases e a convocatoria específica de concesión de axudas económicas de 75,00 € destinadas á adquisición de libros e material escolar de cara ao próximo curso 2018-2019. As solicitudes poderán presentarse ata o 9 de agosto.

Tal e como explica a concelleira de Servizos Sociais e primeira tenente de alcalde, Marta Valcárcel Gómez, o obxectivo destas axudas, que se convocan anualmente, "é promover o principio de igualdade na educación e compensar ás familias con recursos limitados para cubrir os custos derivados da escolarización dos seus fillos", entendendo como tales tanto, angade a concelleira, "tanto a adquisición de libros coma o resto de material escolar". As axudas están dirixidas aos alumnos e alumnas de Educación Infantil matriculados nos centros escolares de Salvaterra.

Os interesados e interesadas ​​en solicitar esta axuda económica, deberán presentar as solicitudes xunto coa documentación esixida polo Departamento de Servizos Sociais, os martes, mércores ou xoves, nese mesmo departamento, de 08 h a 14 horas.

Xunto coa solicitude, é preciso presentar o DNI ou NIE dos membros da unidade familiar; libro de familia e xustificantes dos ingresos da unidade familiar do ano en curso. Os interesados terán que achegar o recibo de aluguer ou o certificado bancario en caso de estar pagando unha hipoteca da súa vivenda habitual. Ademais, é necesaria unha copia da declaración de renda e sentencia e convenio regulador en caso de divorcio.

Para máis información contacte co Departamento de Servizos Sociais, todos os interesados e interesadas poden consultar as bases e descargar o modelo de solicitude na páxina www.concellodesalvaterra.com.